O MUSEO DE PONTEVEDRA ACOLLERÁ SEIS CONCERTOS DO CICLO ESPAZOS SONOROS NOS MESES DE ABRIL E MAIO
O Museo de Pontevedra, dependente da Deputación, acollerá os concertos de «Ensemble Iulius XIII», «Os Fonocontos», «Abe Rabade Trío», «Moscow Art Trio», «Galicia XXI» e «Le Petit Cirque», os vindeiros días 18 e 25 de abril e 7, 9, 15 e 16 de maio, respectivamente.
PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-«Ensemble Iulius XIII», 18 de abril
O Ensamble IULIUS XIII proponse, a través deste interesante programa, rescatar e achegar o gran público á moi interesante, e xeralmente pouco coñecida, faceta intelectual destes dous grandes e fundamentais artistas, Nino Rota e Ástor Piazzolla, cun obxectivo ben concreto: poder apreciar a luz do seu valor en todo o seu esplendor. Certamente, nos tempos que corren, á arte tamén lle custa escapar da imperante, e en ocasións angustiosa, moda de encadrar.
«Os Fonocontos», 25 de abril
O mellor dos entretementos para todos os públicos agárdanos con este espectáculo entre o teatro e a música, onde as actrices, sen ningún tipo de atrezo, van contando a historia de orixe rusa “Finist, falcón brillante”, na que o corpo e os xogos músico-vocais serven de sorprendente escenografía ao narrado. A sonoridade das voces e a máxica ambientación dos relatos combínanse coa participación dos músicos do Grupo Instrumental Siglo XX, que potenciarán a escoita grazas á interpretación das súas pezas e aos seus efectos sonoros.
«Abe Rabade Trío», 7 de maio
A banda fórmase en 1996. En 2000 recibe o segundo premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (País Vasco). O directo desa noite conforma o debut discográfico do trío: Babel de sons (2001) (Paco Charlín, contrabaixo, e, Ramón Ángel Rey, batería).Abe Rábade Trío
Abe Rábade foi galardoado en 2001 co Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España, concedido pola SGAE. En 2002 o grupo lanza o seu segundo traballo discográfico, Simetrías (Paco Charlín, contrabaixo, e, Ramón Ángel Rey, batería). No 2006, ve a luz o seu disco máis recente, Playing on light (Paco Charlín, contrabaixo, e, Bruno Pedroso, batería).
«Moscow Art Trio», 7 de maio
O Moscow Art Trio é unha das formacións novas de jazz máis apaixonantes. Nela, as fronteiras entre o jazz, o folk e a música clásica deixan de ser importantes. Mike Zwerin escribiu no International Herald Tribune: “Poucas veces os límites entre épocas, a música folk de Oriente e Occidente, e a música clásica e o jazz se trataron con tanta beleza como o fixo o Moscow Art Trio”. “As personalidades dos membros do trío son máis importantes ca os instrumentos que tocan.”
«Galicia XXI», 9 de maio
O proxecto Galicia XXI nace coa idea de recompilar o repertorio para frauta e piano creado por compositores galegos de diferentes épocas e estilos, e expoñer esta obra a un público que, ata o de agora, non tivera a oportunidade de apreciala dun xeito global. O programa xunta pezas de cinco deses autores galegos, algúns dunha xa firme traxectoria, cun clásico do repertorio para frauta soa do século XX: o “Density 21.5” do francés Edgar Varèse. Algunhas destas obras son estreas absolutas ou tocaranse por vez primeira en Galicia. O programa de concerto, para asegurar o mellor dos entendementos posibles, inclúe unha proxección de fotos, datos biográficos e reflexións dos compositores durante a interpretación das súas respectivas obras.
«Le Petit Cirque», 15 e 16 de maio
Le Petit Cirque “é un obxecto sonoro complexo, feito de madeira, de plástico, de fíos, de resortes e de fraxilidade. Un soprido pode poñelo en vibración. Doce pequenos micros van sacar partido do seu corpo de múltiples recursos”. Le Petit Cirque é un circo. A súa manipulación é perigosa; o perigo da caída está sempre presente. Trátase dun circo sonoro, de igual xeito que o teatro pode ser musical. Tamén é un teatro de obxectos.