Demanda tamén unha reforma do IRPF para que sexa máis progresivo e que se reduza o IVE para os bens e servizos de primeira necesidade
O BNG PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA QUE O GOBERNO AUMENTE OS IMPOSTOS ÁS GRANDES FORTUNAS
Francisco Jorquera considera “urxente” unha reforma fiscal para poder sufragar o gasto social e pon os exemplos de Estados Unidos e Gran Bretaña
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ven de presentar na Cámara Baixa unha iniciativa pola que lle demanda ao Goberno que acometa unha “urxente” reforma fiscal. O BNG considéraa fundamental para aumentar a capacidade de recadación fiscal e, polo tanto, para financiar os voluminosos programas de gasto público, “imprescindíbeis para moderar a recesión e impulsar a recuperación económica”.
E é que, segundo advirte o portavoz do BNG, “o recurso é emisión de débeda pública ten limitacións, e entre elas, o risco obxectivo non existe suficiente demanda ante a oferta do Tesouro Público”.
Reforma fiscal progresiva que aumente os impostos ás grandes fortunas
Francisco Jorquera asegura que o incremento da recadación tributaria non pode producirse a conta de incrementar a presión fiscal ás rendas medias e baixas, senón sobre as rendas moi elevadas e as grandes fortunas, “os únicos sectores sociais que seguen tendo unha capacidade de pagamento extraordinaria”.
Neste sentido, as medidas que propón o BNG na súa iniciativa, que se debaterá proximamente no Pleno do Congreso dos Deputados, son:
-Reformar o IRPF, incrementando o seu carácter progresivo e dando o mesmo tratamento ás rendas do aforro que ás do traballo.
-Crear un imposto que grave as altas fortuna e os elevados patrimonios.
-Modificar o IVE, de xeito que se reduza o tipo impositivo de bens e servizos de primeira necesidade.
-Implementar todas as medidas necesarias para a desaparición dos paraísos fiscais.
Exemplos en Estados Unidos e Gran Bretaña
O portavoz do BNG lembra a crise económica “supuxo a ruptura cos dogmas que gobernaron a economía pública nas últimas décadas”. Puxo como exemplo o anuncio do primeiro ministro de Gran Bretaña, Gordon Brown, dunha suba do tipo impositivo para as rendas máis altas a partir de 2011. Ou o anuncio do presidente de Estados Unidos de reformar a fiscalidade para gravar ao tramo máis elevado da renda.