Agustín Hernández e Manuel Carrera visitaron a parroquia da Pontellas acompañados polos representantes da Comunidade de Montes
O PARTIDO POPULAR DE O PORRIÑO APOSTA POLA MELLORA DA SEGURIDADE VIAL NAS PARROQUIAS DO MUNICIPIO
Os populares solicitáronlle á Deputación a creación de pasos de cebra elevados, a colocación de señais, o cambio de pintado e a dotación e mellora de beirarrúas
O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de O Porriño, na súa aposta pola mellora da calidade de vida e seguridade de tódolos veciños, realizou unha solicitude, xa comprometida por parte da Deputación, para a mellora de diferentes infraestruturas viarias.
O pasado mércores, 15 de abril, o presidente do PP local, Manuel Carrera, e Agustín Hernández, director de Vías e Obras na Deputación, visitaron a parroquia de Pontellas acompañados por varios membros da Comunidade de Montes. Neste senso, Carrera e a Comunidade de Montes, a petición e consenso de tódolos veciños, transmitíronlle a Hernández a necesidade da colocación de pasos de cebra elevados e de señais de tráfico con limitación de velocidade para unha maior seguridade dos viandantes. Así mesmo, tamén se solicitou a mellora de beirarrúas nos barrios da Iglesia e Arrotea e dotar das mesmas todo o tramo entre Pontellas e Torneiros.
Precisamente Torneiros tamén será unha das parroquias beneficiadas por unha serie de melloras na estrada. Os populares solicitan a instalación de pasos de cebra elevados na zona que transcorre entre o campo do Lourambal e o Cuartel da Garda Civil de Tráfico, así como a mellora e cambio do pintado da estrada, que permita cruzar aos vehículos para ir en dirección Porriño sen ter que buscar unha zona autorizada para realizar o xiro.
Trátase dun conxunto de accións dirixidas todas elas á mellora da seguridade vial e que, segundo se comprometeu Hernández, serán atendidas pola Deputación o antes posible.