09 abril 2009

La Xunta del bipartito se despide también
echando cuentas sobre el SIDA

O NÚMERO DE CASOS DE SIDA DIAGNOSTICADOS EN 2008 EN GALICIA FOI DE 83, O QUE SUPÓN QUE A SÚA INCIDENCIA ANUAL ESTÁ ESTABILIZADA EN MENOS DE 50 CASOS POR MILLÓN DE HABITANTES
Dende o ano 1984, no que se describiu o primeiro caso de SIDA, e ata o 31 de decembro de 2008, rexistráronse en Galicia un total de 3.766 casos
O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública resalta, tamén, que a idade máis frecuente no momento do diagnóstico segue a aumentar paulatinamente, situándose, actualmente, en 41 anos
A transmisión por relacións heterosexuais non protexidas segue ascendendo, representando nos últimos anos un 31 por cento dos casos
Galicia ocupa un lugar intermedio entre as diferentes Comunidades Autónomas, cunha taxa de incidencia situada por baixo da do total do Estado
Todo isto pon de manifesto que unha actividade prioritaria para o control da infección polo VIH é a realización de intervencións destinadas ao consello preventivo e á detección precoz desta patoloxía en poboacións con prácticas de risco de infección
O Goberno de Emilio Pérez Touriño ten investido na VII Lexislatura autonómica 1,3 millóns de euros en actuacións de investigación, prevención, información e vixilancia do VIH/SIDA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Dende o ano 1984, no que se diagnosticou o primeiro caso de SIDA, e ata o 31 de decembro de 2008, rexistráronse en Galicia un total de 3.766 casos desta enfermidade; deles, 83 corresponden ao ano pasado. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade ten constancia de que 2.085 persoas morreron por esta patoloxía, o que representa un 55 por cento das persoas rexistradas.

No ano 1997 iniciouse un descenso continuado no número de casos novos de enfermidade. O chanzo máis amplo deste descenso prodúcese entre 1997 e 1998, cunha baixada que supera o 40 por cento entre eses dous anos. Dende o ano 2005, o número de casos novos de enfermidade na nosa poboación sitúase por baixo dos 100 casos anuais, o que segue a manter a tendencia descendente de finais do século XX, e a estabilización posterior por baixo dos 50 casos por millón de habitantes, que é o obxectivo contemplado para esta enfermidade no Plan de Saúde de Galicia 2006-2010.

Este descenso a partir de 1997 atribúese, fundamentalmente, ao uso dos tratamentos antirretrovirais e é reflexo, así mesmo, dos esforzos preventivos dos últimos tempos. Sen embargo, esta diminución da incidencia da SIDA non produce un efecto paralelo de diminución do número total de poboación afectada.

A Consellería de Sanidade é consciente de que a prevención das enfermidades segue a ser, no momento actual, a mellor estratexia de control das mesmas. No caso da enfermidade que nos ocupa, isto é aínda máis importante, dada a inexistencia dunha vacina efectiva nin dun tratamento curativo para facerlle fronte.

No total acumulado de casos rexistrados obsérvase que, por sexos, os homes son os máis afectados, pois representan un 77 por cento do total. A idade no momento do diagnóstico é, principalmente, a dos adultos novos, pois, no 69 por cento dos casos, esta idade sitúase entre os 25 e os 39 anos (86 por cento se aumentamos o intervalo de 20 a 44 anos). Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública resaltan, tamén, que a idade máis frecuente no momento do diagnóstico de caso SIDA segue a aumentar paulatinamente, situándose actualmente en 41 anos.

Dende 1984 ata o ano 2008 a práctica de risco máis asociada á transmisión da enfermidade en Galicia é compartir material de inxección para a administración parenteral de drogas, pois esta supón o 64 por cento dos casos acontecidos no conxunto deses anos. En segundo lugar, sitúanse os casos en relación coas prácticas heterosexuais non protexidas, que representan un 21 por cento. Sinalar, así mesmo, que o 11 por cento dos casos en homes son debidos a relacións homosexuais de risco.

Tendo en conta os anos do período 2003 a 2008, vemos que se produce este mesmo fenómeno, pois o compartir material de inxección para a administración parenteral de drogas supón o 47 por cento dos casos (a metade dos homes tiveron esta vía de infección e o 39 por cento no caso das mulleres). Sen embargo, xa se reflicte un cambio de tendencia nos últimos anos, nos que se observa que a importancia relativa desta vía de transmisión vai diminuíndo respecto dos casos asociados a prácticas heterosexuais de risco.

A transmisión por relacións heterosexuais non protexidas segue ascendendo, representando nestes seis anos un 31 por cento dos casos (un de cada catro homes e un 48 por cento das mulleres). O 19 por cento dos casos en homes amosan riscos relacionados con prácticas homosexuais non protexidas (83 casos entre os 434 homes que se rexistraron neste período).

Unha taxa por debaixo da estatal
A Coruña é a provincia galega que presenta unha maior frecuencia absoluta de enfermidade, pois dende o comezo da epidemia rexistráronse nela 1.548 casos (45 en 2008), sendo Lugo a de menor frecuencia, con 310 casos (tres en 2008). Ourense, pola súa banda, ten rexistrados 423 (seis no 2008); e Pontevedra 1.485 (29 en 2008). Estes datos son coincidentes cos datos de poboación. De feito, ao calcular as taxas acumuladas por millón de habitantes nestes 25 anos, corresponde a Pontevedra a maior destas (1.565 por millón de habitantes), presentando A Coruña (1.342) e Ourense (1.168) taxas intermedias, e sendo Lugo (798 casos por millón de habitantes) a provincia que sempre se sitúa por baixo das demais.

Galicia ocupa, no total do período estudado (anos 1981-2008), un lugar intermedio entre as diferentes Comunidades Autónomas, cunha taxa de incidencia situada por baixo da do total do Estado, sen superar a esta en ningún momento do período.

Nos anos 2003 a 2008, preto da metade dos casos novos de SIDA (44 por cento) souberon case ao mesmo tempo que eran seropositivos e que desenvolveran a enfermidade (non máis de seis meses entre o diagnóstico da infección e o da enfermidade), polo que segue a ser alta a porcentaxe de persoas que non teñen un diagnóstico precoz da infección polo VIH.

Todo isto pon de manifesto que unha actividade prioritaria para o control da infección polo VIH é a realización de intervencións destinadas ao consello preventivo e á detección precoz desta patoloxía en poboacións con prácticas de risco de infección. En especial, no caso das parellas sexuais de consumidores de drogas inxectables ou de antigos consumidores; homes que teñen relacións sexuais con outros homes; as parellas serodiscordantes; e as persoas con enfermidades de transmisión sexual e as súas parellas e colectivos.

1,3 millóns en axudas
Precisamente o pasado 31 de marzo, o Diario Oficial de Galicia publicou unha Orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as bases e se convocan subvencións a proxectos de accións de investigación-acción, actividades de interese comunitario no campo da prevención, información e divulgación, vixilancia epidemiolóxica e atención sociosanitaria do VIH/SIDA.

Estas axudas terán unha contía de 276.000 euros neste ano 2009, dos que255.000 se distribuirán entre asociacións e 21.000 irán destinados a concellos que desenvolvan actividades anti VIH/SIDA en Galicia. En total, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal ten destinado durante a VII Lexislatura un total de 1.301.516 euros na investigación e acción contra o VIH/SIDA, mostra do compromiso do Goberno de Emilio Pérez Touriño coa loita contra un dos principais problemas de saúde pública que padece a sociedade galega.