09 abril 2009

Proposición del BNG sobre el espacio radioeléctrico

JORQUERA PROPÓN AO GOBERNO QUE AS CC.AA PARTICIPEN NA XESTIÓN DO ESPECTRO RADIOELÉCTRICO PARA ATENDER AS ESPECIFICIDADES TERRITORIAIS
O deputado do BNG subliña que as concesións de uso son dirixidas desde o Goberno central “sen atender ás peculiaridades dos diferentes territorios”, e afirma que no caso de Galiza é preciso resolver as carencias de banda ancha no rural

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, insta ao Goberno nunha proposición non de lei a que as Comunidades Autónomas participen na xestión do espectro radioeléctrico e así atender axeitadamente as especificidades que cada territorio ten .

Nese sentido, Jorquera subliña que o espectro radioeléctrico é unha competencia exclusiva do Estado, administrada desde o Ministerio de Industria e a Axencia Estatal de Telecomunicacións. É así que as disposicións regulamentarias e as concesións de uso, tanto de operadores privados como públicos son dirixidas desde a Administración central “sen atender ás peculiaridades dos territorios do Estado”.

Caso de Galiza: resolver as carencias de banda ancha do medio rural

Para o deputado do BNG “é necesaria unha reformulación da xestión do espectro radioeléctrico que permita que as CC.AA, en coordenación co Estado, como no caso da TDT, poidan desenvolver as súas propias estratexias en materia de cobertura da banda ancha, incluíndo o outorgamento de concesións de uso do espectro para a cobertura de núcleos dispersos do medio rural cos mesmos servizos que xa existen nas cidades”.

O que o BNG propón:

Esa é a razón pola que empraza ao Executivo a iniciar xestións co Goberno galego para que Galiza poida dispór de operadores inalámbricos en banda licenciada que resolvan as carencias do medio rural galego.

Pede ademáis, que nas próximas modificacións regulamentarias da xestión do espectro radioeléctrico se inclúa a posibilidade de que o uso de frecuencias teña como territorio de asignación o das CC.AA, e non necesariamente o conxunto do Estado.

Outra das medidas que propón o deputado do BNG é que se exixa a posta en producción a todas as empresas adxudicatarias de frecuencias para mellorar o acceso á banda ancha, e no seu caso que se lles retire as concesións.

Finalmente, o parlamentar nacionalista solicita que en todos os novos procedementos de asignación de espectro radioeléctrico que van vir co apagón analóxico, a prioridade sexa a asignación de servizos para a cobertura do medio rural con servizos de banda ancha de calidade.