13 abril 2009

Los nacionalistas quieren que el Gobierno controle la venta de medicamentos en internet : creen que es posible poner puertas al campo

O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE LIMITE A VENDA DE MEDICAMENTOS A TRAVÉS DE INTERNET
Xosé Manuel Pérez Bouza advirte de que a venda de fármacos a través da rede “non ofrece garantías aos pacientes, incide na automedicación e pon en perigo o carácter planificado do sistema farmacéutico español”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que limite a venda de medicamentos a través de internet. O senador nacionalista considera que esta modalidade de comercialización “non ofrece garantías aos consumidores, incide na automedicación e pon en perigo o carácter planificado do sistema farmacéutico español, e polo tanto a súa cobertura en todo o territorio”.

Máis do 90% das farmacias on line non teñen un profesional farmacéutico que asesore aos compradores

Pérez Bouza advirte de que segundo un estudo da Alianza Europea para o Acceso de Medicamentos Seguros “case o 94% das mal chamadas farmacias on line no ten un nome nin un farmacéutico verificábel que poida responder ás preguntas e ofrecer asesoramento”.

Ademais, alerta de que “nove de cada dez enderezos investigados –na maioría webs situadas en Estados Unidos- non esixe receita médica en medicamentos de prescrición”. Pérez Bouza advirte tamén de que moitos destes medicamentos “van dirixidos a persoas desesperadas ás que se lles ofrece produtos milagre totalmente fraudulentos”.

“É necesaria unha actuación para protexer a saúde pública”

Neste sentido, o senador do BNG considera que “estamos diante dun problema de falta de garantías para os consumidores que adquiren medicamentos a través de internet: na maioría dos casos descoñecen a procedencia do produto, as súas características e as súas condicións de almacenamento”.

“Se substituímos as farmacias, atendidas e rexentadas por profesionais, por Internet estamos poñendo en serio perigo tanto a saúde pública ao incrementar a automedicación e tamén estaríamos socavando as bases do sistema farmacéutico español, un sistema planificado que garante que todo o territorio, incluídas as zonas rurais e menos poboadas, dispoña dunha farmacia”, asegura o senador nacionalista.

Ante esta situación, o representante do BNG na Cámara Alta pregúntalle ao Goberno polas medidas que ten previsto adoptar para acometer a necesaria regulación da venda de medicamentos a través de internet, e en concreto, se ten previsto desenvolver neste sentido a Lei de Garantías e Uso Racional dos Medicamentos de 2006.

Por último, e entre outras cuestións, Pérez Bouza demándalle ao Goberno se é consciente de que a venda de medicamentos a través da rede “podería poñer en serio perigo o carácter planificado do sistema farmacéutico, e polo tanto a cobertura territorial deste servizo”.