Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria pon en marcha unha nova ferramenta de divulgación científica en Galicia: a web www.divulgacion360.org. Este espazo quere ser o espazo común da divulgación e a comunicación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación en Galicia. Un punto de encontro e información para as entidades que organizan actividades e tamén para o público interesado en asistir a elas. Con esta iniciativa, I+D+i quere atender as demandas das persoas e entidades que veñen traballando no ámbito da divulgación en Galicia nos últimos anos.
Os obxectivos de divulgacion360.org son crear unha estrutura estable para a difusión e o potenciamento da divulgación da ciencia e a I+D+i en Galicia; aglutinar, unificar e coordinar nun único espazo toda a oferta de actividades de divulgación; ofrecer ao público interesado un único espazo no que informarse das actividades e recursos para a divulgación científica; ofrecer ás entidades organizadoras un espazo no que intercambiar ideas, experiencias, recursos, etc. e difundir e potenciar as actividades de divulgación que cada ano se realizan na Comunidade.
A vocación desta web é a de fomentar a participación colectiva e a de abranguer os 360 graos da comunicación e divulgación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación: persoas interesadas / potenciais asistentes a actividades / entidades organizadoras / administracións públicas. Quere ser ademais un instrumento que dé entrada á diversidade e á riqueza da divulgación en Galicia, tanto en temáticas, coma en formatos como en lugares de celebración.
A web está aberta a toda persoa/entidade que queira participar no mundo da divulgación nas súas múltiples posibilidades: asistindo ás actividades, organizando accións, colaborando na divulgación, asesorando no deseño, etc. A finalidade última é dar unha maior coherencia ás actividades que se realizan, unificar criterios, mellorar a difusión, aumentar a eficiencia na execución das accións compartindo materiais, produtos e ideas e, en definitiva, mellorando a calidade das accións a través dunha maior comunicación entre as entidades e entre as entidades e o público.
Citas para 2009
Para cada unha das citas que este ano se conmemoran no ámbito da divulgación científica hai un apartado especial no que se agrupa toda a información específica vinculada con ese evento: o Ano Darwin, o Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, o Ano Internacional da Astronomía e a Semana da Ciencia. As demais actividades de divulgación que se celebran en Galicia teñen un apartado específico: Máis divulgación. Dentro de cada unha destas cinco seccións os visitantes atoparán novas, avisos, ligazóns, recursos e actividades de interese ás que asistir.
Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, cuxo obxectivo é fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e a tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos resultados que delas se derivan, e está apoiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.