Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo hoxe una reunión co alcalde de Portas, Roberto Vázquez, na que trataron temas relacionados con este municipio.
Louzán e Vázquez acordaron darlle un novo pulo ó Museo Domingo Fontán. Segundo explicou o alcalde o edificio está rematado por fóra e pendente de acondicionalo no seu interior. Esta última fase de obras precisaría un orzamento de 115.000 euros.
Así mesmo, o rexedor e o presidente acordaron colaborar coa Asociación de Mulleres Rurais de Portas na mellora do seu local no que van a desenvolver actividades de igualdade. Neste caso, Louzán e Vázquez tratarán de asinar un convenio de colaboración entre a Xunta de Montes, a Deputación e o Concello para financiar as obras que consistirán na dotación dunha nova placa e tellas.
Finalmente, Vázquez solicitou a colaboración da institución provincial na dotación de novos contedores para o municipio e na realización de diversos arranxos en varias vías con motivo da próxima celebración dunha concentración moteira a nivel galego que terá como punto de encontro a azucreira de Portas.