08 julio 2009

Conselleira Mato pide cuartos al Estado, consciente de que los dependientes están siendo engañados...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, amosou hoxe a súa preocupación pola falla de financiamento por parte do Goberno central para a aplicación da Lei de Dependencia. “Por cada euro que pon o Estado as comunidades pagan cinco”, dixo, o que está levando ás autonomías a verse con numerosos atrancos para o cumprimento desta lei e provocando unha “asfixia” financeira ás administracións autonómicas.

A titular de Traballo fixo estas declaracións tras reunirse co conselleiro de Servizos Sociais de Castela e León, César Antón, en Valladolid. Os titulares autonómicos avogaron por solicitar ao Goberno central que se faga unha revisión da Lei de dependencia e nos seus prazos de aplicación e demandaron que envellecemento e dispersión sexan factores a ter en conta no modelo de financiamento autonómico, tal e como xa puxeron de manifesto os presidentes de Galicia e Castela e León na súa reunión do pasado luns.

Esta lei, subliñou a conselleira, “xerou moitas expectativas que non se están cumprindo por falta de orzamentos e si defraudando á cidadanía”. Por iso “é necesaria unha revisión e avaliación” da lei, defendeu.

En declaracións aos medios a conselleira lembrou que se trata da primeira reunión bilateral tras o encontro dos dous presidentes, un encontro que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade e que tivo como obxectivo plasmar acordos e de volver reunirse nos próximos meses.

A titular de Traballo lamentou o retraso no desenvolvemento da lei tanto na súa achega por parte do Goberno central como por parte da tramitación realizada polo bipartito que deixou sen atender a máis de 15.000 grandes dependentes que deberían estar atendidos o pasado ano.

Esta é unha situación “preocupante” que Galicia descoñecía ata o momento, e que agora hai que atender. A situación financeira dificulta dar cumprimento a esta lei, “que precisa un esforzo macroeconómico para facer fronte ás súas demandas”.

Os titulares autonómicos de servizos sociais lembraron que unha das materias que centrarán os dez convenios anunciados por Feijóo e Herrera son os servizos sociais, no que se irá traballando ao longo dos próximos meses.