Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, compareceu hoxe en rolda de imprensa para fixar a posición da formación nacionalista ante o decreto que estabelece o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
Jorquera anunciou a “oposición clara” a este decreto, que se submeterá a debate para a súa eventual convalidación o próximo mércores no Congreso dos Deputados.
“Opómonos por tres razóns básicas. Primeira, porque abre a porta á absorción das caixas galegas por entidades foráneas ao violar as competencias autonómicas en materia de caixas. Segundo, porque vai supor unha perda de peso relativa das caixas en relación á banca comercial, ao permitir que os bancos se fagan co control das caixas. Terceira, porque o Goberno vai favorecer que se produza unha maior concentración do poder financeiro no Estado en poucas mans”, alegou o dirixente nacionalista.
Jorquera cualifica de “inaudito” o “silencio” de Feijóo ante a “evidente violación das competencias autonómicas” que este decreto entraña. “O decreto entrega ao Banco de España a faculdade de autorizar as fusións entre caixas de distintas comunidades autónomas, eliminando o dereito de veto que sobre estas operacións asistía até agora aos gobernos autonómicos”, acrecenta Jorquera.
A intención do Goberno do Estado é clara: fomentar fusións e concentracións de entidades financeiras, nomeadamente as caixas de aforro. O único obstáculo nese camiño son as competencias das comunidades autónomas. “Por iso este FROB vai fundamentalmente dirixido a valeirar de competencias aos gobernos autonómicos. Frente a esta agresión xa se teñen manifestado Andalucía e Catalunya. O que é inconcebíbel é que Feijóo continúe calado”, avalía o portavoz nacionalista no Congreso.
Sobre declaracións de portavoces do PP galegos contrarias á absorción das caixas galegas por entidades foráneas, Jorquera puxo de relevo a contradición en que incorren a respecto da posición do seu partido: “Como estes dirixentes poden dicir que están en contra desta absorción cando o Partido Popular negociou os contidos do decreto que crea o FROB e vaino votar favorabelmente no Congreso este mércores?”.
9.000 millóns de euros
Jorquera resaltou que o Fondo se vai dotar con 9.000 millóns de euros, 6.000 dos cales serán a cargo dos orzamentos xerais do Estado, cantidades que vía endebedamento se poderán ampliar mesmo até os 90.000 millóns de euros.
“Estamos perante unha mobilización de recursos públicos, 9.000 millóns en primeira instancia, equivalente aos recursos que o Goberno do Estado pon sobre a mesa para mellorar o financiamento das comunidades autónomas, isto é, o financiamento dos servizos públicos esenciais (sanidade, educación) que aquelas prestan”, reflexionou Jorquera. “Ou sexa que para salvar ao sistema financeiro español, do que se dicía que era o máis solvente de Occidente, se poñen en xogo cuantiosísimos recursos que en cambio se racanean para o financiamento dos servizos públicos que prestan as comunidades autónomas”, avaliou.
O BNG defende que a mobilización de recursos públicos sexa dirixida politicamente polos “poderes públicos” -o Goberno do Estado e as comunidades autónomas no caso das caixas de aforro”- e baixo o control parlamentario.
“O que non ten sentido é que todo este proceso vaia ser controlado por un órgao, o Banco de España, que se sitúa por enriba do ben e do mal e con total independencia dos poderes democráticos”, argumentou Jorquera, para quen “o uso de recursos públicos para sanear o sistema financeiro debe condicionarse a estabelecer medidas de control que garantan que o crédito chegue á economía real e a que se depuren as responsabilidades dos equipos directivos e dos consellos de administración que xestionaron as entidades financeiras que, pola súa mala xestión, se vexan obrigadas agora a recorrer aos fundos públicos”.
A substitución dos executivos das entidades financeiras mal xestionadas e o estabelecimento dunha regulación estrita das remuneración das equipas directivas que os substitúan son requisitos imprescindíbeis, a xuízo do BNG, para que a intervención sobre o sistema financeiro responda ao interese xeral.