09 julio 2009

El conselleiro Varela ve con buenos ojos dedicar como centros culturales estaciones de tren en desuso

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Cultura e Turismo avala o Proxecto Estacións Verdes que pretende rehabilitar as terminais de ferrocarril, que co paso do tempo quedaron en desuso, e destinalas a fins turísticos e culturais. Tras a reunión mantida hoxe polo Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), José Manuel Rodríguez González, e Moncho Borrajo acordouse traballar conxuntamente para acondicionar antigas estacións da provincia de Ourense e adaptalas aos novos usos demandados en cada zona.

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico promove este plan co apoio do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) que, mediante unha rehabilitación integral, pretende encher de vida outra vez estas estacións. Todas elas teñen a particularidade de pertencer a liñas que non están pechadas á circulación, aínda que o seu trafico é escaso. O INORDE levou a cabo a rehabilitación dos edificios e outras construcións anexas coa función de destinalas a espazos de ocio, turismo, natureza, cultura e outros ámbitos. Adif cualificou este proxecto como unha revalorización das infraestruturas ferroviarias o que, a súa vez, representa unha aposta sostible do entorno que rodea a estas estacións, declarados pola Unión Europea como espazos L.I.C. (Lugares de Interese Comunitarios). A iniciativa, que conta co apoio da Deputación de Ourense e da propia Unión Europea, pretende o desenvolvemento e o fomento do turismo interior de Galicia,.

As estacións ferroviarias que recolle este convenio e representan un aspecto practicamente acabado son as de Santa Cruz de Arrabaldo, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Catrelo do Val - Campobecerros, Vilavella - A Mezquita, Os Peares.


Museo e Centro Cultural Moncho Borrajo
A futura Fundación Moncho Borrajo vai albergar na vella estación de Baños de Molgas (1600 m2) a totalidade do legado do humorista, que vai ser doado polo mesmo. A planta baixa do inmoble estará destinada a un museo que levará o nome artista Moncho Borrajo (nacido nesta localidade) e que, ademais de albergar o seu legado, tamén se implantarán outras actividades como exposicións, pinacoteca, albergue ou biblioteca. Asemade, o inmoble tamén contará cunha cantina histórica onde se expoñerá parte dun documental deseñado por Rafael Cid, que narra a vida do ferrocarril en Ourense. Tamén haberá unhas zonas dedicadas a formación e axuda para nenos que podan ter problemas tanto orixinados da superdotación como de discapacidades.

Doutra banda, a primeira planta do edificio conta con dez habitacións de diferentes tamaños que están orientadas principalmente a hospedar a peregrinos e camiñantes. A obra xa está feita, só queda o equipamento do mobiliario.