Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-As 1.400 embarcacións menores galegas dedicadas á captura de polbo recuperarán a partir deste luns, e ata o 31 de decembro, unha actividade paralizada desde os primeiros días de maio. A Consellería do Mar establece condicións de traballo similares a campañas anteriores relativas a tamaños mínimos, topes de captura, horario de traballo e calamento de nasas.
O tamaño mínimo do polbo será dun quilo durante todo o ano. Desde o 6 de xullo ata o 31 de agosto o tope de capturas fíxase en 40 quilos por embarcación e día; e 40 quilos máis por cada tripulante enrolado a bordo.
Mentres, entre o 1 de setembro e o 31 de decembro, o tope máximo da captura será semanal, establecéndose 200 quilos por embarcación e 200 quilos mais por mariñeiro debidamente enrolado e a bordo. O peso mínimo de captura do polbo segue a ser de 1 quilo.
Igualmente, o horario no que os pescadores poderán capturar polbo quedou marcado entre as 06:00 horas e as 18:00 de luns a venres, entendéndose este horario dende o primeiro calamento ata a finalización da última nasa virada. Só nos plans zonais da Costa Cantábrica e a Noroeste estará permitido deixar as nasas caladas no fin de semana. na zona das Rías baixas os aparellos deberán regresar a terra todos os días.
Esta medida enmárcase no Plan Zonal Experimental de captura de polbo (octopus vulgaris) no marco do plan de recuperación, acordada nunha reunión co propio sector. Ó encontro asistiron o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, os presidentes das Federacións Provinciais das Confrarías de Lugo, Pontevedra e A Coruña, o presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González; os presidentes de “Cíes artesanais”, “Mar do Morrazo”, ARCOPEBA e dous representantes de ASOAR-ARMEGA.
O plan estará vixente ata o 31 de decembro de 2009, e recolle tanto as medidas de xestión da pesca como as específicas de control e seguimento, para comprobar a súa adecuada execución.