08 noviembre 2008

COMEZAN OS OBRADOIROS DE REGUEIFAS NA BIBLIOTECA PÚBLICA DE PONTEVEDRA

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría de Cultura e Deporte volve a promover Obradoiros de Regueifas para o público adulto como fórmula de conservación e divulgación da cultura oral. As actividades serán presentadas pola delegada provincial de Cultura en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, o luns ás 13.00h na Fonoteca da Biblioteca Pública de Pontevedra.
Os grupos de traballo comezan a funcionar o vindeiro día 19 de novembro, e realizaranse cada mércores entre 19.00 e 20.30h na Fonoteca da biblioteca. Os cursos serán impartidos polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira.
Todos aqueles que queiran participar nestes grupos de traballo poderán inscribirse de forma totalmente gratuíta na Biblioteca Pública de Pontevedra a partir do día 11 de novembro.
O obxectivo destes obradoiros é manter viva a nosa tradicional oral mediante a súa aprendizaxe, para que a nosa valiosa cultura oral non se perda co paso do tempo a os cambios nas formas de vida.
Desafíos en verso
As regueifas son desafíos en verso onde dúas ou máis persoas disputan utilizando a retranca, o humor e moito enxeño e creatividade, procurando manter sempre unha cadencia rítmica nas frases e rimas finais.
Os responsables dos obradoiros teñen unha longa experiencia na práctica e no ensino das regueifas. Luis Caruncho é un intérprete e mestre gaiteiro e zanfonista, cunha sólida formación en música tradicional galega. O Pinto d'Herbón deuse a coñecer a finais dos oitenta ao publicar temas de hip-hop agrario moi próximos ao movemento do rock bravú.