12 noviembre 2008

DEPUTACIÓN DOTARÁ DUNHA PISTA POLIDEPORTIVA Ó CONCELLO DO ROSAL

O ROSAL /PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación de Pontevedra, reunida en Xunta de Goberno, aprobou hoxe conceder ó concello de O Rosal unha pista polideportiva valorada en 28.300 euros.
A pista, de dimensións 12 metros x 25 metros, situarase ó carón da escola unitaria de Fornelos, en terreos do propio Concello, na parroquia de Santa Mariña do Rosal con acceso desde a estrada PO-353 A Guarda-Fornelos.
As áreas de práctica deportiva que instala a Deputación, adaptadas para idades de entre 8 e 16 anos, constan de canastas de basquet, porterías de fútbol con rede metálica e rede de voley, entre outros elementos.
O concello comprométese a executar a soleira de formigón ademais de custear os gastos correspondentes ó 10% do orzamento de execución do material das obras, o que supón un total de 2.830 euros, por 25.470 euros que aportará o organismo provincial.
A Deputación de Pontevedra, dentro do seu Plan Anual de Deportes, xa ten implantado na provincia 93 parques infantís para nenos de ata 5 anos, 89 áreas infantís tipo grande e 53 áreas deportivas como a que se vai instalar no concello de O Rosal.