13 noviembre 2008

Discurso de buenas intenciones y brindis al sol del presidente Touriño en la celebración del aniversario del Prestige

VILAGARCIA DE AROUSA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño subliñou hoxe a necesidade de que a Unión Europea tome a iniciativa para lexislar sobre o principio de responsabilidade ilimitada en relación coa contaminación marítima, tal e como lle trasladou recentemente ao Comisario de Pesca e Asuntos Marítimos da UE. “É fundamental facer realidade o principio de ‘quen contamina, paga’ e enviar unha mensaxe clara aos especuladores: ninguén que dane o medioambiente mariño vai quedar impune”, enfatizou o máximo mandatario autonómico, quen reclamou ademais para Galicia o buque da Axencia Europea de Seguridade Marítima.
“As respostas deben ser globalizadas e coordinadas, por iso é tan importante lograr o principio de responsabilidade ilimitada”, aseverou Touriño, lembrando que nunca estará “o suficientemente satisfeito”, mais sinalando que en Galicia “debemos ter confianza en nós mesmos e deixar de ver a botella medio baleira”. Nese sentido, indicou que o traballo de todos aqueles que se mobilizaron durante o accidente do Prestige “serviu para algo e servirá no futuro”, posto que constitúe “un faro” para seguir traballando nesa dirección.
No acto celebrado esta mañá en Vilagarcía de Arousa con motivo do 6º aniversario do accidente do Prestige, baixo o lema de Galicia mellor preparada, e no que tamén participou a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, o xefe do Goberno galego salientou os avances na regulación do tráfico marítimo internacional ocorridos a raíz da desfeita. Nese sentido, resaltou a importancia da prohibición dos buques monocascos, do reforzamento das inspeccións ou da creación da Axencia Europea de Seguridade Marítima, con sede en Lisboa. Así, mostrou a súa confianza en que Galicia poida gañar o próximo concurso da Axencia e dispoñer na Comunidade un buque deste organismo. “Cursamos a demanda desde o Goberno de Galicia dado o volume de tráfico marítimo que soportamos a diario fronte as nosas costas”, afirmou.

Un “salto cualitativo” na capacidade de resposta
Emilio Pérez Touriño, destacou que, con respecto ao ano de afundimento do Prestige, o 2002, a capacidade de recollida e de almacenamento de hidrocarburos pasou de 80 metros cúbicos en toda España a máis de 5.000 só en Galicia. O titular do Goberno galego explicou que este “salto cuantitativo” ten os seus maiores expoñentes en dous buques con sede en Galicia, o Don Inda, con capacidade de recollida de 1.750 metros cúbicos, e o Urania Mella, para máis de 3.100.
O presidente galego destacou que, cos máis de 200 millóns de euros destinados a Galicia no Plan Nacional de Salvamento 2006-09, duplícase a capacidade de tiro da flota instalada en Galicia, e salientou a recente decisión do Ministerio de Fomento de abrir á participación de Galicia a Comisión Nacional de Investigación para Accidentes Marítimos, de xeito que forme parte da mesma unha persoa nomeada polo Goberno galego. “Con estas e outras decisións podemos afirmar que ningunha outra comunidade autónoma de España conta con este nivel de protección das vidas humanas e das costas”, remarcou.
Un convenio de colaboración con Fomento e un Plan especial para Galicia
“A coordinación e a cooperación entre as distintas administracións implicadas constitúen o mellor modo de responder diante de situacións de emerxencia”, afirmou Pérez Touriño que, no transcurso da súa intervención, lembrou que unha das primeiras medidas que tomou ao chegar ao Goberno foi asinar un convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno de España en materia de salvamento marítimo.
O máximo mandatario autonómico destacou a aprobación en novembro de 2006, por parte do Consello da Xunta, do primeiro Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia, que define os protocolos de actuación diante dunha situación de contaminación mariña, sexa cal sexa a súa dimensión. “Cumprimos así unha débeda histórica que tiña o Goberno de Galicia coa cidadanía: cumprimos cos cidadáns que na catástrofe do Prestige reclamaban protocolos de actuación eficaces e unha cadea de mando nidia e coordinada, inexistentes daquela pola desidia dos que desde o ano 2001 estaban obrigados pola lexislación estatal a poñer en marcha este Plan e non o tiñan feito”, asegurou.
Máis medios de salvamento e formación para o persoal
No transcurso da súa intervención, o titular do Goberno galego resaltou a importancia da formación do persoal e citou a posta en marcha dos exercicios extraordinarios de adestramento para o persoal de salvamento postos en marcha entre Sasemar, do Ministerio de Fomento, e o Servizo de Gardacostas, da Consellería de Pesca; os simulacros de carácter internacional –dos que un se celebrou en Vigo en 2007-; e os exercicios conxuntos rutineiros de salvamento, dos que se teñen realizado 142 desde agosto de 2005.
“A formación práctica do persoal que opera nos servizos de salvamento e loita contra a contaminación mariña é vital para que, chegado un caso real, cada quen saiba representar o seu papel na xestión da crise”, asegurou Touriño, quen explicou que, deste agosto de 2005, os funcionarios de Gardacostas recibiron 96 cursos de prevención e loita contra a contaminación mariña.
“É a nosa obriga”, continuou o presidente da Xunta, “reclamar e contribuír desde Galicia a unha esixente e completa formación das tripulacións. Deberíamos ser capaces de trasladar ao dereito comunitario as directrices emanadas da Organización Internacional do Traballo”. O máximo mandatario galego lembrou, neste sentido, a implantación por parte do Goberno galego do Plan Integral de Formación Marítimo- Pesqueira que pretende adaptar os novos programas formativos á evolución do sector e as novas circunstancias do mercado laboral, ademais de avanzar en materia de prevención de riscos, e que permitiu que, o pasado ano, máis de 1.600 alumnos seguiran os 93 cursos de formación en seguridade marítimo- pesqueira impartidos pola Consellería de Pesca.
En canto a dotación de medios, o presidente galego explicou que as diferenzas con 2002 son “evidentes e substanciais”. Así, destacou que se incorporou por primeira vez un avión de vixilancia contra os sentinazos, que se melloraron os tempos de resposta do helicóptero de salvamento da Coruña –que será substituído por outro no ano 2009-, que se mercou outro helicóptero para a Costa da Morte, que terá a súa base en Cee, e que, máis recentemente, se melloraron os tempos de resposta do de Vigo, que serán de 10 minutos as 24 horas do día.
O máximo mandatario galego salientou, ademais, a instalación da primeira base subacuática estable con material de mergullo e de intervención, e a importante modernización dos equipamentos de buques e helicópteros propios da Xunta de Galicia. “Encargámonos da dotación de material de loita contra a contaminación mariña nos peiraos galegos e, así, Ribeira, Corcubión, A Pobra do Caramiñal e, no vindeiros ano, Cambados, incorporaron containers dotados con barreiras, materiais absorbentes e skimmers preparados para usar nestas zonas ou para trasladar a outros lugares”, engadiu.