13 noviembre 2008

INNOVACIÓN E INDUSTRIA DOTA DE REDES DE TELECOMUNICACIÓNS SEN FÍOS DE ACCESO A INTERNET DE BANDA LARGA O POLÍGONO INDUSTRIAIL DE BUEU-CANGAS

BUEU/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría de Innovación e Industria dotará de redes de telecomunicacións sen fíos de acceso de internet de banda larga os polígonos industriais de Afieiras e Mirallos (en Moraña), Lalín 2000 (en Lalín), Merlín (en Agolada), Castiñeiras (en Bueu), Pedreira (en Meaño), e Bamio (en Vilagarcía), en virtude dos convenios de colaboración asinados esta mañá en Pontevedra polo conselleiro de Innovación e Industria cos alcaldes dos catro primeiros concellos e os empresarios Francisco Muñiz (Pescados Vixa) e Enrique Redondo (Madeiras Redondo) de Meaño e Vilagarcía, respectivamente, que neste caso son os que realizan a cesión dos terreos á Consellaría para a localización das antenas de recepción e resto de equipamento necesario para a implantación das redes nestes dous municipios. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Meaño e a concelleira da Área de Promoción e Innovación de Vilagarcía.
En virtude dos convenios, póñense a disposición da Consellaría os terreos precisos para a instalación do equipamento que faga chegar o sinal á totalidade do polígono e zonas estremeiras. Fernando Blanco informou no acto de sinatura que o seu departamento investirá nestes 7 polígonos un total de 856.100 euros. O titular nacionalista explicou tamén que as redes inarámicas wimax obxecto dos convenios estarán instaladas antes do 15 de xuño do vindeiro ano, para o cal a Consellaría xa ven de adxudicar a subministración e montaxe dos equipamentos. Trátase, segundo sinalou o conselleiro, de que os polígonos teñan operativo este servizo nun breve prazo para que o poidan empregar a totalidade das empresas alí instaladas.
O conselleiro indicou que estas actuacións se encadran no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), dentro do plan da Consellaría de dotar de acceso a internet de banda larga de calidade a totalidade dos polígonos industriais do país, obxectivo do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e adiantou que cos convenios asinados hoxe se acada a cifra de 32 parques empresariais aos que a Consellaría dotará de redes de cobertura de banda larga sen fíos, que son, dixo o conselleiro, o 100% dos que o solicitaron. O total de investimento por parte de Innovación e Industria acada o importe de 4,6 millóns de euros, que permitiu xa facer que o 92,5% dos polígonos existentes en Galiza posúan o servizo de banda larga.
O conselleiro salientou que estas infraestruturas serán unha contribución moi importante para o labor das empresas instaladas neses polígonos e parques empresariais e que suporán un avance de relevo para a economía e o benestar das comarcas onde se sitúan. A xuízo do conselleiro, hoxe en día a posibilidade de que as empresas dispoñan de conexión a Internet é imprescindible para a súa competitividade produtiva e de servizos. Ferramentas como o comercio electrónico ou a facturación electrónica teñen que estar presentes no día a día das empresas localizadas nos polígonos industriais e empresariais, para o cal se fai necesaria a conexión aos servizos de banda larga de calidade.
Por último, Fernando Blanco engadiu a esta actuación outras salientables, como os 39 millóns investidos nos 3 últimos anos para achegar fibra e cabo para acceso a internet nas vilas galegas e o proxecto piloto de acceso público a internet con tecnoloxía wimax en 12 concellos do rural, cun orzamento total de 1,65 millóns de euros. En total son máis de 45 millóns os investimentos da Consellaría en banda larga nos 3 anos de lexislatura. Ademais, a partir do vindeiro ano o departamento autonómico reforzará a aposta pola extensión da banda larga e para iso conta cunha dotación de 94 millóns de euros.