MARIN (MORRAZO-tribuna).- O centro de formación “A Aixola”, dependente do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar, acolle este xoves día 13 e o vindeiro 20 de novembro dúas xornadas de portas abertas nas que difundirá entre os visitantes a formación impartida nas súas instalacións. Esta iniciativa enmárcase nas actividades previstas dentro da Semana da Ciencia, coa que, neste caso, a Consellería de Pesca pretende amosar á cidadanía como a ciencia e a tecnoloxía están presentes no noso día a día.
Deste xeito, os interesados en achegarse ao centro, situado en Marín, poden facelo en horario de tarde, concretamente ás 18 horas, sendo a duración do percorrido dunha hora aproximadamente.
En primeiro lugar, os visitantes recibirán unha breve explicación sobre “A Aixola”, as liñas de actuación e os diferentes materiais cos que se traballa na escola para, a continuación, coñecer de primeira man os diferentes talleres que están en marcha actualmente.
Ademais, trasladarase aos participantes nas xornadas a importancia da prevención de riscos laborais nos cursos e as medidas de seguridade. No taller de carpintería os visitantes serán informados de como se traballa con técnicas tradicionais e cos novos sistemas, ao tempo que verán as diferentes construcións que se están realizando no centro (dorna, bote de Noia, gamela da Guarda, buceta de Muros...) e coñecerán diversos tipos de madeiras, ferramentas ou unións e a elaboración de cubertas con métodos tradicionais e en teca.
Así mesmo, explicarase o funcionamento da ferramenta que dá nome ao centro, a aixola, e a importancia do coñecemento e a conservación do patrimonio marítimo galego. No apartado de pneumáticas ofrecerase unha explicación sobre este tipo de embarcacións e o seu uso e sobre traxes de neopreno, boias e balizas, mentres que no curso de polietileno e polipropileno informarase aos visitantes destes materiais, ao tempo que poderán ver distintos tipos de maquetas de plantas de cultivo realizadas con eses compoñentes ou unha gaiola de cultivo a escala. Pola súa banda, no taller mecánico explicarase como funciona un motor mariño e como se leva a cabo a súa recuperación, ao tempo que se verán diferentes modelos de motores.
Así mesmo, no apartado de poliéster reforzado en fibra de vidro visionaranse as diferentes fases de fabricación dunha embarcación ou o material de I+D+i empregado nos centros de acuicultura que se fabrica na escola de Pesca. Na visita ao curso de velería as persoas que se acheguen ata “A Aixola” verán os diversos tipos de tecidos e patróns empregados na elaboración de velas, así como variedades das mesmas. E, xa por último, no espazo de redes e aparellos os visitantes asistirán á confección dunha malla de rede e verán artes a escala de arrastre, cerco e enmalle, así como anzois e fíos e agullas empregadas para coser.
“A Aixola”
“A Aixola” é un centro que abriu as súas portas no ano 1997 e conta na actualidade cun cento de alumnos, sendo un dos seus principais compromisos o de facilitar formación e información aos profesionais do sector marítimo-pesqueiro. De feito, dentro da oferta da escola mantéñense os campos de actuación dende que esta comezou a súa andaina: traballadores de nova incorporación ao sector e profesionais que queren mellorar a súa cualificación e reciclarse no seu traballo.
Non entanto, “A Aixola” non ten unicamente repercusión a nivel laboral xa que tamén cumpre un importante labor social, dado que se rixe por tres alicerces: a recuperación do patrimonio marítimo, a colaboración con outras institucións públicas e o ofrecemento de apoio a colectivos en risco de exclusión social. Deste modo, o centro axuda a entidades sen ánimo de lucro a realizar a súa tarefa de recuperación do patrimonio marítimo a través da colaboración e a formación de alumnos, xa que o centro recupera planos e documentos de embarcacións tradicionais das que en moitas ocasións apenas queda nada.
Non entanto, “A Aixola” non ten unicamente repercusión a nivel laboral xa que tamén cumpre un importante labor social, dado que se rixe por tres alicerces: a recuperación do patrimonio marítimo, a colaboración con outras institucións públicas e o ofrecemento de apoio a colectivos en risco de exclusión social. Deste modo, o centro axuda a entidades sen ánimo de lucro a realizar a súa tarefa de recuperación do patrimonio marítimo a través da colaboración e a formación de alumnos, xa que o centro recupera planos e documentos de embarcacións tradicionais das que en moitas ocasións apenas queda nada.
Ademais, “A Aixola” colabora na formación de menores en risco de exclusión social, á vez que incide na inclusión de mulleres en ambientes laborais tradicionalmente masculinos co que moitas empresas xa están comprobando as vantaxes dos cadros mixtos de traballadores.