13 noviembre 2008

O BNG APOIA AS MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS POLA CIG POR UN NOVO MODELO ECONÓMICO E SOCIAL

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O Bloque Nacionalista Galego, por decisión do seu Consello Nacional no pasado 7 de Novembro, decidiu comezar unha campaña de actos políticos sobre a crise económica, e ao tempo, apoiar todas as mobilizacións que se convoquen en defensa dos intereses da clase traballadora, en concreto as convocadas para mañá pola Confederación Intersindical Galega (CIG) nas cidades e nas principais vilas do país.
O secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede, destacou a importancia de que a sociedade galega se mobilice para rematar coas políticas neoliberais. “Os nacionalistas galegos non aceptaremos que se pretenda saír desta situación económica pola rebaixa dos salarios ou porque se precarice aínda máis o mercado laboral; nós apostamos porque os asalariados recuperen o poder de compra perdido para reactivar o consumo e porque a economía galega compita através da innovación e da formación dos traballadores”.
Ansede recordou que para o BNG, esta non é unha crise cíclica máis, senón que é a crise do neoliberalismo económico, que guiou a política seguida pola maior parte dos gobernos nos últimos decenios. Defendeu, na liña do acordado polos nacionalistas no seu último Consello Nacional, unha decidida intervención pública na economía, que inclúa un control do sistema financeiro internacional e de institucións como o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial, “responsábeis en boa parte da desfeita na que nos atopamos”.
O secretario de Organización valorou de xeito crítico o plano de rescate bancario aprobado polo goberno de Zapatero, sinalando que este “debe tomar a vía de adquisición de accións bancarias, e iso implica a participación pública nos consellos de administración das entidades, a fiscalización por parte das institucións públicas, e garantir a orientación do crédito bancario cara as economías familiares e o investimento produtivo”.
“Precisamos unha economía social que pense na maioría da poboación e non nos beneficios dunha minoría, unha economía que persiga o benestar, a igualdade e un crecemento sustentábel”, asegurou.
Autogoberno e Instituto de Crédito Oficial
“O autogoberno é a ferramenta que nos permite controlar e coordinar democraticamente a economía desde as nosas institucións”, asegurou. Nesa liña, recordou a importancia de vincular a economía produtiva coas institucións financeiras. Segundo Ansede, Galiza precisa “unha a reforma da lei reguladora das caixas de aforro co fin de intensificar o seu compromiso coa economía produtiva e a criazón de emprego no país”.
Así mesmo, reafirmou a proposta realizada o pasado sábado por Anxo Quintana, ao defender a creación dun Instituto Galego de Crédito Oficial, “como un portelo único que unifique todos os instrumentos de acompañamento empresarial que ten hoxe o Goberno galego”.