13 noviembre 2008

Xornada para aprender a Cociñar co Sol

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A Vogalía de Medioambiente da FAVEC organiza unha xornada formativa sobre como cociñar co Sol. Estará dirixida por D. César Lema, Doutor en Bioloxía e impulsor da asociación A.N.D.R.E.A. e terá lugar o vindeiro venres 14 de novembro na Asociación Veciñal “O Freixo” (Estrada de San Xoán nº264) de 16.00 a 17.30 horas.
A sesión comezará cunha charla introductoria que tratará os principios éticos e beneficios desta cociña ecolóxica así como amosará exemplos de cociñas solares no mundo. Logo desta introdución haberá unha sesión práctica na que se ensinará como preparar un xantar empregando unha cociña solar e explicaranse os aspectos fundamentais a ter en conta para poder preparar a nosa propia cociña empregando elementos que de cotío temos á nosa disposición.
A asistencia é completamente gratuíta. As persoas interesadas tan só teñen que achegarse pola Asociación Veciñal “O Freixo” (Estrada de San Xoán nº264). Esta iniciativa enmárcase no ciclo de actividades medioambientais da Vogalía de Medioambiente da FAVEC que cada mes organizará xornadas e obradoiros formativos e de concienciación en materia medioambiental.