08 noviembre 2008

QUINTANA PROPÓN A CREACIÓN, NUN FUTURO INMEDIATO, DUN ORGANISMO GALEGO DE CRÉDITO OFICIAL AO SERVIZO DA ECONOMÍA PRODUTIVA

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, centrou hoxe en Santiago boa parte da súa intervención no seminario Outra Europa: a alternativa das nacións sen estado, que organiza a Fundación Galiza Sempre, na defensa do autogoberno como o instrumento fundamental para reforzar a economía produtiva galega fronte aos efectos da crise. Neste senso, Quintana falou da creación, nun futuro inmediato, dun organismo galego de crédito oficial. Dixo que se trata dunha proposta en construción baseada na idea dun portelo único que unifique tódolos instrumentos de acompañamento empresarial que ten hoxe o Goberno galego e, ao mesmo tempo, dea tamén participación no capital risco ás caixas de aforro.
No seu relatorio, o vicepresidente dixo que a crise actual “é a crise do neoliberalismo económico que guiou a política da maior parte dos gobernos nos pasados decenios”. Tamén sinalou que “esta é a crise dun modelo de desenvolvemento asentado na deshumanización dos mercados e na mercantilización da vida, na creación de economías virtuais e deslocalizadas, meramente especulativas e baseadas na depredación dos recursos naturais e da dignidade das persoas sempre na procura do beneficio rápido e do máximo lucro.”
Neste senso, asegurou que cómpre substituír o actual modelo económico por unha nova economía “xestionada polo autogoberno como o instrumento para controlar e coordinar democraticamente a economía dende as nosas institucións e a través de políticas propias”. Engadiu que o autogoberno é o instrumento para promover un progreso económico sostible e para poñer a economía ao servizo das persoas. Ao respecto, lembrou que as nacións que tiveron políticas máis autónomas constitúen agora economías menos vulnerables e están en mellores condicións para enfrontar a crise global.
Quintana recalcou que “a nosa experiencia de goberno indica ben que as institucións de Galiza contan con recursos que nos dan marxe para actuar positivamente na definición de políticas activas fronte á recesión e que nos permitirán amortecer os seus efectos negativos sobre os sectores produtivos básicos da nosa economía”.