10 diciembre 2008

AGAI solicita do Parlamento de Galicia unha Declaración Institucional en Memoria do Holocausto

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) ven de presentar no rexistro do Parlamento de Galicia, unha petición dirixida á súa titular, Dolores Villarino e aos voceiros dos grupos parlamentarios do PSdG-PSOE, BNG e PPdG-PP para que o vindeiro 27 de xaneiro de 2009 aproben unha Declaración Institucional conmemorativa do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. A petición foi acompañada dun texto escrito por Jaime Vándor, poeta austriaco, profesor emérito da Universidade de Barcelona e supervivinte do Holocausto, texto que se propón para ser asumido polos deputados das tres formacións parlamentarias.

A decisión de designar unha data que anualmente lembre as atrocidades dunha traxedia como a Shoáh foi tomada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o primeiro de novembro do 2005 sob o lema “Lembremos hoxe e por sempre”. A repulsión mundial ao xenocidio sistemático de seis millóns de xudeus foi, no seu momento, unha das razóns que motivou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos”. Dende entón, as Nacións Unidas teñen a responsabilidade sagrada de loitar contra o odio e a intolerancia e deben estar á vangarda da loita contra o antisemitismo e outras formas de racismo.
Despois de aprobar o 1º de novembro de 2005 a resolución, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas denominou este día especial como “un recordatorio fundamental das leccións do Holocausto, unha desgraza sen igual que non pode, simplemente, relegarse ao pasado e esquecerse”.