VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, resaltou hoxe que durante o período 2004 e 2007 se incrementou nun 105% a execución do investimento do Ministerio de Fomento en Galicia respecto da lexislatura precedente. Así, detallou que no cuadrienio 2004-2007 se executaron 2.854 millóns de euros, o que supón, en termos absolutos, 1.463 millóns de euros máis do executado entre 2000 e 2003.
En relación co volume de obra licitado nos mesmos períodos, Touriño destacou que segundo os datos do Observatorio da Construción, Seopan, entre os anos 2000 e 2003 se licitaron obras do Estado en Galicia por importe de 1.983 millóns de euros, mentres que entre 2004 e 2007 a licitación aumentou ata 5.000 millóns de euros. “É dicir, se multiplicou por 2,53 o volume de licitación de obra”, salientou.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o xefe do Goberno galego indicou que o desfase entre a partida orzamentaria destinada ao AVE e o nivel de execución deses recursos revela que “a marcha técnica de execución de obras non se corresponde exactamente coa orzamentaria”, é dicir que os recursos superan a capacidade técnica de execución da obra. Nesa liña, o presidente da Xunta remarcou que, se ben “non temos un problema de recursos orzamentarios, onde temos que facer o maior nivel de seguimento é no ritmo de execución, é na parte técnica, na parte física de realización de obra”.
O titular da Xunta apuntou que esa necesidade foi a que motivou a formulación do convenio comprometido pola ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, para traspasar á Sociedade Estatal de Infraestruturas de Transporte Terrestre (SEITTs.a.) os 2.100 millóns de euros consignados á execución do AVE en 2009. Anunciou que ese convenio se asinará nos primeiros meses do 2009 e expresou o seu convencemento de que o acordo permitirá axilizar o ritmo de execución das obras e licitar, tal e como está comprometido, os 9 treitos pendentes para a chegada do tren de alta velocidade en Galicia.
“Temos blindados os recursos e a partir de aí a sociedade estatal que executa esa actuación ten o financiamento preciso para facelo ao ritmo que sexa o de maior rapidez posible para acadar os prazos comprometidos”, afirmou o presidente.
Garantía de transparencia no concurso eólico
A preguntas dos xornalistas, Pérez Touriño subliñou que “todo o proceso de adxudicación das eólicas debe ser realizado e se está a realizar dentro dos parámetros de transparencia, obviamente da legalidade, da publicidade e do equilibrio” que corresponde a todo proceso de adxudicación que afecta ao interese público da Comunidade Autónoma.
“Non vou entrar en se iso era así no pasado, que parece que non”, sinalou o presidente galego, para quen o importante é que “se dean todos os elementos de transparencia e de adxudicación concordante”. Nese sentido, remarcou que as dúas cuestións básicas que se deben respectar no concurso eólico son “o respecto á norma, o respecto á equidade, e, por outra parte, que iso redunde en beneficio do interese xeral da comunidade”.
Galicia, un país que une e non divide
En relación coa capitalidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o titular do Executivo autonómico apuntou que el é presidente de Galicia, “un país que avanza con firmeza nun proxecto de país, que une e non divide, que quere sumar e non restar, que quere multiplicar, e non dividir”.
Nese sentido Touriño desbotou polémicas “absurdas” ao respecto da titularidade da capital da Eurorrexión, lembrando que todas e cada unha as cidades que conforman a rede urbana de Galicia “teñen un papel decisivo e importante”, que forman parte dun “traballo en rede” no que non collen “pasos atrás”.
A partir de aí, para o presidente da Xunta é de “sentido común e razoable que o espazo metropolitano que está a 30 quilómetros da antiga fronteira, xogue un papel especialmente relevante na relación co Norte de Portugal, que evidentemente implica a toda Galicia”, ao igual que considerou “de sentido razoable territorialmente, que a área metropolitana Ferrol-A Coruña xogue un papel especialmente relevante como rótula de unión con todo o eixe de Cantábrico”.