VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A provincia de Pontevedra disporá a partir de xaneiro das mellores instalacións hípicas de Galicia de uso público e gratuítas. Así o confirmou esta tarde Francisco González, o técnico encargado de supervisar as obras de mellora e acondicionamento do hipódromo de Campañó quen comentou que “existen unhas instalacións hípicas en Ourense pero que serán superadas polas de Pontevedra”.A Deputación de Pontevedra posibilitará que este proxecto iniciado no ano 2004 a iniciativa da Comunidade de Montes de Campañó, poda rematarse definitivamente a través dunha achega económica de 60.000 euros. O convenio de colaboración foi asinado esta tarde entre o titular da administración provincial, Rafael Louzán, e o presidente da Comunidade de Montes, Manuel Ángel Lareu Coego.
A entidade comunal aprobou a cesión destes terreos por unanimidade da súa asemblea. Segundo explicou Lareu “as instalacións serán gratuítas” e estarán abertas ó seu uso por parte de todos aqueles que practiquen equitación xa que a intención dos veciños de Campañó é que a Deputación, o Concello e a propia comunidade se fagan cargo dos gastos de mantemento.
Pola súa banda, o presidente da Deputación destacou a singularidade deste centro deportivo para a práctica da equitación e manifestou a súa satisfacción de poder dispoñer dunhas instalacións destas características na provincia de Pontevedra.
Finalmente Francisco González, técnico das obras, quixo destacar o altruísmo da comunidade de montes que a pesar de rexistrar importantes perdas económicas a causa dos incendios quixo poñer a disposición da cidadanía de forma desinteresada estas dotacións.