
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu estar tarde en Vigo a xuntanza do Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, na que se trataron, entre outros asuntos, o orzamento deste centro para o vindeiro ano 2009, que ascende a un total de 8.243.791 euros.
No encontro celebrado hoxe asistiron por vez primeira, incorporándose como membros natos do Padroado, o secretario general de Política Científica y Tecnológica do Ministerio de Ciencia e Innovación, José Manuel Fernández de Labastida, que actuou como vicepresidente segundo; e o director general de Planificación y Coordinación deste mesmo departamento do Goberno central, Juan José Moreno Navarro, como patrono.
A xuntanza deu comezo, segundo constaba na orde do día, coa lectura da acta da sesión anterior, celebrada o pasado 13 de xuño de 2008, e que quedou aprobada co asentimento de todos os presentes. A continuación, o director da Fundación Cetmar pasou a expoñer e someter á aprobación dos patronos o informe da xestión do centro no segundo semestre de 2008. Na súa intervención perante os membros do Padroado, González Garcés destacou que os obxectivos xerais que se seguiron nos últimos seis meses foron dar continuidade á tarefa de intermediación con institucións e centros de investigación, sector empresarial e administración en labores de investigación e desenvolvemento, e avanzar cara a un carácter máis tecnolóxico do centro a partires da implantación da futura Unidade de Tecnoloxías Mariñas.
O responsable do Cetmar tamén enumerou as principais iniciativas que se levaron a cabo e que se dirixiron, fundamentalmente, cara á protección, conservación, rexeneración e mellora do medio e dos recursos mariños; a dinamización da I+D+i do medio empresarial; o desenvolvemento e coordinación de iniciativas en materia xurídica, económica e sociolóxica relacionados con temas marítimos, pesqueiros e da acuicultura; o impulso á mellora da conexión entre os entorno científico-tecnolóxico e o económico-produtivo; a colaboración na formación marítimo-pesqueira; e o apoio ao sector marítimo pesqueiro nas súas actividades internacionais.
Amais disto, na súa explicación sobre o informe de xestión do centro, recordou que se mantiveron activos neste período de tempo un total de 66 proxectos e iniciativas todos eles vencellados ás diferentes áreas de investigación coas que conta o Centro Tecnolóxico do Mar.
González Garcés tamén fixo unha proposta das liñas xerais de actuación do Cetmar para 2009 nas que destacou a posta en funcionamento dunha Unidade de Tecnoloxía Mariña, que contará cun plan estratéxico a cinco anos e un programa operativo para 2009. Segundo se indicou na xuntanza do Padroado, este novo departamento dará maior consistencia ao Cetmar e contribuirá a aumentar as súas posibilidades para consolidarse como centro tecnolóxico de referencia e poder acreditarse no Rexistro de Centros de Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Orzamento de 2009 e modificación dos Estatutos
Posteriormente, pasouse a expoñer e aprobar o plan plurianual de actuación 2009-2011 e o orzamento do Cetmar para o vindeiro ano, que ascende a 8.243.791 euros. O director do centro destacou que tendo en conta o contexto de contención do gasto das administracións públicas e as posibles dificultades económicas que poden afectar aos sectores produtivos a medio prazo, confeccionouse un plan plurianual para o Cetmar que contempla un crecemento moderado respecto do actual nivel de actividade. Ademais, explicou os eixes e liñas estratéxicas que se seguirán nos próximos exercicios, as actividades previstas para cada ano e o orzamento previsto para cada actuación.
Finalmente, os membros do Padroado aprobaron a proposta de modificación dos Estatutos da Fundación Cetmar, asunto que constaba como último punto da orde do día. O obxectivo desta modificación é adaptar as normas desta institución á Lei Autonómica de Fundacións de Interese Galego.
Entre os asistentes á reunión celebrada esta tarde na sede do Cetmar, estiveron os directores xerais de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca; de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, e o de Promoción Científica e Tecnolóxica de Educación. Ademais, participaron representantes das vicerreitorías das tres universidades galegas (Vigo, A Coruña e Santiago), da Secretaría General del Mar do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición do Ministerio de Sanidad e de Anfaco-Cecopesca.