10 diciembre 2008

Nueva predicación de Touriño, al uso de las últimas semanas, esta vez en CNN+

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño insistiu hoxe na importancia de ofrecer “un rumbo claro, estabilidade e confianza” para atravesar e superar a etapa actual de crise económica e instou ás forzas políticas a “sumar e non dividir, a aunar esforzos e non confrontar” para saír desta situación “con vontade de superación”.

Así o manifestou o presidente nunha entrevista no programa Cara a Cara da canle CNN+, onde salientou que é preciso trazar unha estratexia que busque os elementos centrais de unión e de confianza. “Hoxe os cidadáns pídennos aos políticos, aos sindicatos, aos empresarios que reaccionemos buscando aquilo que nos une, non o que nos separa, que apartemos diferencias, matices, e que busquemos cales son as mellores propostas, as mellores funcións, os mellores activos que temos na nosa comunidade para superar canto antes a crise, para que esta situación non dane de maneira irreversible unha parte substancial e importante do noso tecido produtivo, da nosa capacidade de competir”, abundou.

Touriño subliñou que o Goberno que preside está a tomar medidas “dende o primeiro momento”, na mesma liña que as que está a adoptar o Goberno de España e expresou que a súa principal preocupación é que se restableza a confianza no sistema crediticio, que volva a fluír o crédito, porque “necesitamos que flúa o crédito ás familias e aos emprendedores para que iso non orixine máis problemas dos debidos”. “Creo que se están tomando as medidas, pero hai que estar moi atento e moi coordinado na resposta”, abundou.

A poucos meses de finalizar a presente lexislatura, Touriño fixo un balance “positivo” da acción do Goberno galego, un Goberno –dixo-, “que foi o que tivo máis iniciativas lexislativas da historia da comunidade”, que aprobou “sen dificultade” os presupostos de cada ano e que “nunca” perdeu unha votación parlamentaria.

Goberno estable
Estes elementos, explicou, “confirman a estabilidade e confianza” da cidadanía no Goberno de Galicia, que ten protagonizado un cambio “decisivo, sereno, intenso e profundo” no que “sen aspaventos nin maiores tensións logrou enfocar unha nova forma de gobernar”. “Estamos construíndo o obxectivo de acadar unha Galicia máis segura de si mesma e unha Galicia que apostou polo cambio”, enfatizou.

Neste contexto, o presidente reprobou a actitude do PPdeG do que, segundo dixo, “chama a atención que en todo este ano de dificultades non puxera de maneira razoable e consistente unha soa proposta solvente para solucionar a crise enriba da mesa”.

Segundo Touriño, o PP está neste momento nunha posición política “de desgaste, de confrontación”, que o levou a romper “consensos importantes” como o da reforma estatutaria e o da lingua, collendo unha deriva de “non construír un proxecto galego, galeguista, pegado ao país”.

O presidente avogou por “reconstruír” un discurso no que se busquen “máis os elementos que nos unen máis que os que nos separan e volver a tecer elementos de concertación, de unidade de consenso nacional”.

“Ante a crise os cidadáns non entenderían de divisións, de sesgos partidarios e o que nos piden é traballar na mesma dirección, con impulso e con decisión. E, por outra parte, necesitamos atender tamén a reforma e posta ao día do Estatuto e iso non o podemos facer dividindo Galicia”, expresou.

A reforma estatutaria: unha obra de tres
O presidente da Xunta amosouse partidario de que unha vez afrontada e resolta a crise, o contexto da nova lexislatura “debería ser o da reforma estatutaria”. Non obstante, recordou que para emprender este proxecto cómpre ter en conta á cidadanía. “Tamén os cidadáns teñen voz, a palabra, a través das eleccións, para dar novas mensaxes, para establecer criterios”.

O xefe do Executivo galego explicou que é necesario afrontar a reforma do Estatuto sen que iso supoña dividir Galicia. “O Estatuto ten que ser unha obra de tres. Ou é de todos ou non é”, remarcou Touriño, que engadiu: “Queremos un estatuto de primeira, un estatuto que lle dea a Galicia todas as súas capacidades de goberno e un estatuto no que caibamos todos. Os galegos de centro, de esquerda, de dereitas teñen que verse reflectidos”, reiterou.

“Ese é gran parte do desafío que temos para as próximas eleccións e aí o PP está desdibuxado e parece que aínda está ancorado no pasado, noutro tempo e non foi capaz de relanzar e refacer o seu novo proxecto para un novo tempo”, afirmou.

Compromiso total e irrenunciable do AVE
O xefe do Executivo galego reiterou o seu compromiso “total” coa execución do AVE na nosa comunidade, unha obra “crucial” para Galicia. “É unha aspiración nacional é unha aspiración de todos. Eu comprometín a miña vontade, o meu empeño e a miña palabra, e o presidente do Goberno de España tamén, no obxectivo de que Galicia en 2012 tivera o AVE”, incidiu.

A este respecto, lembrou que quedan os orzamentos do Estado conteñen os recursos necesarios para que no ano 2009 “se liciten e se adxudiquen todos os tramos que faltan” no eixe central de conexión. “Iso permitiría empezar as obras de maneira inmediata no 2009, finais do 2009 e, polo tanto, temos por diante o 2010, 2011, 2012 para concluír esa obra”.

O mandatario galego recoñeceu que se trata dun prazo “axustado” no que hai que traballar “con moita intensidade”, pero aseverou que non vai renunciar a ese prazo. “O día que renuncie a ese prazo estaremos retrocedendo e dano pasos atrás nun obxectivo común e de toda Galicia”, concluíu.