VIGO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, visitou esta tarde os terreos nos que se ubicará a futura Galescola do Parque Loxístico de Valladares que será a primeira que se asente nun parque empresarial galego. Dixo que, nestes momentos de dificultade económica, é preciso crear servizos de proximidade que “actúen de factor estimulador nas superficies empresariais a prol da conciliación, a corresponsabilidade e a convivencia interxeneracional”. Tamén engadiu que a futura infraestrutura é reflexo da liña de traballo interinstitucional que “estamos a desenvolver para reforzar os servizos de igualdade e benestar como escudos de protección fronte aos impactos máis negativos da crise”, insistiu.
Quintana confirmou que o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar acaba de sacar a licitación a obra da galescola por un importe de 1,2 millóns de euros. Este servizo está especialmente deseñado para apoiar o talento produtivo dos centros de mulleres que traballan no complexo téxtil Texvigo. Amosou a súa satisfación por dous proxectos –a galescola e o centro de día de Valadares- dirixidos a usuarios distintos pero que perseguen a mesma idea: conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria co benestar.
Quintana referiuse á coincidencia de que a Unión Europea acaba de aplaudir o proxecto das galescolas, “que naceu como unha necesidade de dar contestación a un baleiro que era a falta dunha rede pública de ensino infantil e era a nosa obligación poñela en marcha tanto para atender aos nenos e nenas como par ser instrumento de igualdade”. “Tivemos que sufrir algunha que outra crítica infundada que falaba das galescolas como inventos monstruosos dun proxecto político sectario”, afirmou e continuou dicindo que “xa explicamos o que eran e hoxe síntome desacougado porque tivera que ser a UE quen no dese a razón e me gustaría que antes nola tivesen dado as forzas políticas galegas. É triste que hoxe sexa a UE a que teña que recoñecer o labor das galescolas e nos anime a seguir no mesmo camiño: refrendando a nosa identidade, defendemos o que somos e o futuro do espazo europeo se constrúe baixo o respecto da cultura e a identidade dos países que o compoñen”.
Referíndose ao proxecto de Valadares, o vicepresidente insistiu en que as galescolas son un proxecto educativo de calidade e o feito de que esta estea nun polígono industrial serve para cumprir as políticas de igualdade. Indicou que é obrigatorio que as institucións poñan en marcha medidas para a compatibilización da vida laboral e familiar.
Centro de día
Así mesmo, o vicepresidente sinalou que a nova galescola de Valadares representa unha dimensión na liña de traballo do Consorcio que busca achegar recursos tanto ao centro das cidades como ao cinturón exterior, dotándoos de equipamentos modernos e integrados no contorno. Por iso, anunciu que o Consorcio está a a traballar na creación dun centro de día nesta parroquia. Nestes momentos, estase a tramitar a licitación da súa obra: cun investimento previsto de 1,5 millóns de euros. Concretou que o equipamento estará preparado para prestar servizos de atención diúrna a un total 80 usuarios no ano 2010.
Quintana resaltou a importancia de ubicar unha galescola e un centro de día para maiores con algún grao de dependencia no mesmo espacio físico e sinalou que traballar polo benestar é o mellor que pode facer un Goberno. “Cando chegamos atopamos 560.000 persoas maiores de 65 anos e máis de 100.000 dependentes e nin un só centro de día público en todo o país, había institucións particulares, moitas e con grande mérito, traballando na asistencia social pero ningunha pública”. E resaltou o esforzo da Vicepresidencia que permitirá botar a andar 55 centros de día públicos ao final da lexislatura. Dixo que aínda quedan centros privados que non reúnen as condicións acaídas pero que “estamos niso, primeiro temos que facer unha rede de centros pública e non podemos botar a xente á rúa”.
Referiuse tamén ao momento de crise económica actual, no que moitos responsables políticos falan de Wall Street ou da Bolsa “pero é necesario que empecemos a falar dos que realmente padecen a crise que son as persoas que perden o seu traballo, as que pagan hipotecas ou reciben prestacións sociais; é preciso que os gobernos democráticos protexan aos que máis o precisan”. Por iso, situou ao Sistema Galego de Benestar como unha prioridade porque xera coa súa posta en marcha 1.600 novos postos de traballo estables e de calidade. “Esta é unha boa maneira de loitar contra a crise. Hoxe fálase moito da lei do mercado e chegou o tempo de falar da lei da xente”, recalcou.
Galescola da Rúa Palencia
Pola tarde, Quintana tamén visitou a galescola da rúa Palencia, a primeira de Vigo, que conta con 41 prazas e funciona a pleno rendemento dende setembro. Esta instalación ten, para o vicepresidente, un valor simbólico nestes momentos de crise, xa que está pensada para ampliar as oportunidades de conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños do barrio do Calvario, área eminentemente traballadora. “Sabiamos que existía que existía grande deficiencia ao respecto de prazas de educación infantil e creo que nestes tres anos fixemos máis por aumentar a rede pública de educación de Galicia. Estas cousas non se fan en dous días porque cada galescola ten un investimento superior aos 2 millóns de euros e un tempo de execución non superior aos dous anos”. Insistiu en que se trata “dun esforzo importante pero non imos descansar ata que Vigo teña cuberta a ratio de cobertura de educación infantil recomendada pola UE no ano 2010”. E rematou dicindo que “as cousas tardan tempo en conseguirse pero chégase á meta se comezas a andar e nós fixémolo con ritmo rápido”.
Ao respecto, dixo que, ”a través do Consorcio, vimos desenvolvendo unha liña de acción pública empeñada en conciliar as necesidades dos espazos urbanos e dos rurais, no marco dunha aposta reequilibradora”, dixo que se pretenden cubrir os déficits en servizos sociais que presentaban determinadas áreas do país. “Estamos a mobilizar novas oportunidades para unha cooperación reforzada no impulso de novas escolas infantís nas grandes cidades.
Gota de leite
Preguntado polos medios sobre o centro de emerxencia social que a Vicepresidencia porá en marcha en Vigo, o vicepresidente dixo que “temos falado co alcalde e existe un bo grao de coordinación e xa na última xuntanza que tivemos coincidimos en distintas cousas: a primeira delas que nun momento de crise coma este aumentan as persoas sen teito. Hai xente que o está pasando mal, sen un prato quente de comida nin un teito para pasar a noite. Hai moitas persoas en Vigo nesa situación e van en aumento”.
Dixo que, con carácter de urxencia, “este mesmo mes imos emprender as obras de reforma no edificio coñecido como a gota de leite e o alcalde coñéceo, a partires de aí imos estar ao lado do alcalde e colaborar coa Alcaldía para reordenar a cidade os edificios e o que haxa que ordenar que nos parece positivo”. Dixo que “coñecemos a proposta do edificio da Escola de Hostelería que coma calquera outra é estudiable no futuro porque sempre imos estar co concello na reordenación da cidade”. Insistiu Quintana en que existe unha lóxica colaboración, “igual que o alcalde nola presta agora para poñer en marcha con carácter inmediato o centro de emerxencias sociais necesario para a cidade”. Concretou que as obras comezarán este mes e estará operativo no 2009. Engadiu que “iso non obstaculiza ningunha reordenación futura que dende o Concello se queira plantexar ec colaboraremos para que Vigo teña o que merece”, abondou.