12 marzo 2009

900 agrupaciones se benefician del Plan Cultural de la Deputación de Pontevedra

O organismo provincial investirá unha achega total de 400.000 euros
A DEPUTACIÓN INCLÚE A PRETO DE 900 AGRUPACIÓNS
DA PROVINCIA NO SEU PLAN CULTURAL PARA O ANO 2009, UN CENTENAR DE GRUPOS MÁIS QUE O PASADO EXERCICIO

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra fixo públicas hoxe a relación de asociacións incluídas no Plan Cultural 2009, mediante o que a institución provincial ocúpase da retribución das distintas agrupacións, entidades e asociacións culturais da provincia, no seu afán de impulsar e fomentar a cultura popular nas múltiples e variadas expresións artísticas.

Mediante este Plan, ó que se acolleron, entre outros, bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, de teatro e de música tradicional e clásica, a institución provincial investirá unha achega por valor de 400.000 euros. Do orzamento total de 550.000 euros, Caixanova aportará os 150.000 restantes.

Cada actuación retribuirase do seguinte xeito: Dentro da categoría de Bandas de música, as do grupo A percibirán 600 euros, as do grupo B, 500, e as do grupo C, 450. As masas corais, dividas en dous grupos, percibirán 270 e 240 euros respectivamente. Os grupos folclóricos, dependendo desta clasificación, recibirán 270, 210 e 170 euros. Os de música tradicional, do seguinte xeito: Bandas de gaitas, 240. Grupos de gaitas, 170. Roldas, 240. Folk, 270. As agrupacións de música clásica, 240 as do grupo A e 210 as do grupo B, percibindo as orquestras unha retribución de 340 euros. Os grupos de teatro do grupo A, 500 euros, por 375 do grupo B e 300 dos de maxia. Por último, no apartado de grupos varios, os de ballet e danza percibirán 240 euros, mentres que a humoristas e outros correspóndenlles cadanseus 210 euros por actuación.

A selección e inclusión dos grupos peticionarios levouna a cabo a Comisión Informativa de Cultura da Deputación, a través de informes de técnicos e profesionais expertos en cada unha das materias que avaliaron os expedientes a efectos de clasificación.

O Plan Cultural constitúe a liña de colaboración máis importante que a Deputación de Pontevedra ofrece cada ano co obxectivo de impulsar e fomentar a cultura popular nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, en colaboración con concellos, agrupacións e asociacións.

A cultura tradicional, como conxunto de manifestacións, coñecementos, actividades e crenzas pasadas e presentes da memoria colectiva son, daquela, o punto de referencia do Plan Cultural, que ten como obxectivo perseverar e transmitirlles ás novas xeracións o acervo popular que nos distingue e, ó mesmo tempo, unha firme vontade de proxectar a nosa identidade cara ó futuro.