06 marzo 2009

Deputación lanza el proyecto
de las Pousadas-xardín

Os proxectos premiados recibirían 18.000, 9.000 e 4.500 euros
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA O CONCURSO DE IDEAS PARA A EXPLOTACIÓN E POSTA EN VALOR
DE CATRO POUSADAS XARDÍN DO SALNÉS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, fixo público esta mañá en rolda de prensa a convocatoria do concurso de ideas para a selección dun proxecto de explotación e valoración económica con estudo de viabilidade das catro pousadas-xardín que se construirán no Salnés.
Este concurso haberá de definir os servizos a prestar en cada unha das pousadas e de forma conxunta en todas elas, o modo de prestación ós potenciais usuarios, a estrutura de persoal necesario para unha adecuada prestación de servizos, os servizos externos que se contratarían e outros aspectos de interese para a mellor explotación das pousadas.
Elaborarase tamén un programa de necesidades dos servizos e actividades que formen parte do proxecto de explotación e realizarase un estudo de viabilidade económica, no que se determinen, para un horizonte de 20 anos e tomando como base 2011, os niveis de ocupación por meses, os custes anuais para distintos factores de gasto, as inversións a realizar, os prezos dos servizos, os ingresos anuais por cada servizo, as perdas e ganancias e fluxos de caixa anuais, o valor actual neto do proxecto e a taxa interna de rendemento.
As propostas terán en consideración que as instalacións turísticas concentraranse nos concellos da comarca do Salnés, sendo posibles emprazamentos nos concellos de Meaño, O Grove, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
Os premios establecidos para os proxectos seleccionados serán de 18.000 euros para o primeiro premio, 9.000 euros para o segundo e 4.500 para o terceiro, existindo a posibilidade por parte do xurado de acordar a mención de cantos proxectos considere merecedores de tal, sen prestación económica.
Poderán concorrer o público en xeral e, moi concretamente, os diferentes axentes sociais, económicos e profesionais que estean implicados no sector da hostalaría.
Proxecto
O proxecto «Pousadas xardín do Salnés» xa se presentara no seu momento cun orzamento de 8.797.152 euros e obtivo unha axuda de 6.158.007 euros dos Fondos FEDER. A creación deste produto turístico consiste na construción de catro establecementos dotados de 23 habitacións dobres accesibles asociadas a un xardín-horta, de xeito que posibilite, en zonas próximas á costa, as características que ofertan os establecementos de turismo rural.
O obxectivo primordial do proxecto é a posta en valor dos recursos da comarca do Salnés na súa comprensión máis integrada: recursos humanos, en primeiro termo, e recursos materiais: naturais, culturais, patrimoniais e produtivos, entendido coma a realización dunha serie de actuacións dirixidas a obter de cada recurso o máximo valor engadido.
Os establecementos hoteleiros serán construídos asociados a cada dous concellos: é dicir, de cada dous concellos construirase unha pousada. Afecta ós concellos de Cambados, O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova. (Vilagarcía non estaba adherido ó ter opción a presentar o seu propio proxecto).
A construción correrá a cargo de alumnos da Escola Taller e de empresas especializadas. O proxecto contempla fomentar a plantación de especies autóctonas e a creación dunhas Rutas Turísticas de pousada a pousada que se integrarán noutras xa existentes no Salnés. Unha vez rematada a creación do produto turístico, elixirase a fórmula de explotación.