05 marzo 2009

El Museo de Pontevedra sigue dinamizando la vida cultural de la provincia

O acto terá lugar o vindeiro 12 de marzo ás 20.00 horas
O EDIFICIO FERNÁNDEZ LÓPEZ DO MUSEO DE PONTEVEDRA ACOLLE A PRESENTACIÓN DO LIBRO “LA VIDA ESCÉNICA EN PONTEVEDRA” DE PAULINO APARICIO MORENO

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O edificio Fernández López do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 12 de marzo a presentación do libro “La vida escénica en Pontevedra: 1901-1924”, da autoría do profesor Paulino Aparicio Moreno. O acto terá lugar no salón de actos ás 20.00 horas.

Esta obra constituíu a tese doutoral de Paulino Aparicio, dirixida por María del Pilar Espín Templado e defendida no curso 1999-2000 na Facultade de Filoloxía da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Foi editada en dous volumes pola Fundación Universitaria Española dentro da súa colección “Investigacións Bibliográficas sobre Autores Españois”.

O profesor Aparicio Moreno analiza na súa obra a extraordinaria actividade teatral en Pontevedra durante o período 1901-1924, no que se realizaron 1.528 funcións de teatro, con 2.434 representacións de 1.089 títulos diferentes.

Os teatros máis importantes na época estudada en Pontevedra foron o Teatro Principal e o Circo-Teatro. Por eles desfilaron compañías prestixiosas como a de Enrique Borrás, Carmen Cobeña, María Guerrero e Fernando Díaz de Mendoza, Rosario Pino, Margarita Xirgu ou Francisco Morano.

A carteleira teatral está formada principalmente por obras contemporáneas españolas, mentres que o noso teatro clásico e romántico é case testemuñal o mesmo que as obras escritas en galego. Os xéneros que predominan son a comedia e a zarzuela sendo o teatro declamado o máis representado .

Entre os autores figuran os que escriben un teatro de signo comercial, máis acorde cos gustos maioritarios do público. Os máis taquilleiros foron os irmáns Quintero, Carlos Arniches, Jacinto Benavente, Enrique García Álvarez, Pedro Muñoz Seca e Antonio Paso Cano. Sen embargo, o teatro renovador ou o “teatro inquedo”, como é o de Valle-Inclán, Unamuno, Azorín, García Lorca…, non chegou a representarse en Pontevedra.

A principal diversión do público pontevedrés, como o doutros lugares, seguía a ser o teatro, a pesar do auxe do cinematógrafo e das variedades, acudindo a este as clases más acomodadas coa finalidade de ver e, especialmente, de ser vistas. Esta vida teatral é unha faceta importante do ambiente cultural da vetusta Pontevedra de comezos do século XX.

Permanece exposta a exposición de Horacio Coppola

Noutra orde de cousas, a exposición de Horacio Coppola continúa aberta ata o vindeiro día 15 no novo edificio do Museo de Pontevedra. Trátase da maior retrospectiva realizada ata o momento en España do recoñecido fotógrafo arxentino Horacio Coppola nunha exposición que reúne 125 imaxes.

As fotografías, tomadas polo artista entre os anos vinte e corenta do século pasado, revelan a vocación “moderna” de Coppola, que ós seus 102 anos reside en Bos Aires e goza de boa saúde. A mostra revela a vocación moderna de Horacio Coppola, que desde o primeiro momento fixo da fotografía unha linguaxe artística autónoma que desenvolve a través da xeometría, a abstracción e as arquitecturas urbanas.