
Na sinatura do convenio de adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade de Vigo
A ministra de Defensa, Carme Chacón, sinala a Universidade de Vigo como exemplo de innovación e adaptación
Os estudantes recibirán a titulación de grao en Enxeñaría Industrial na especialidade de Mecánica
VIGO/PONTEVEDRA (D. Besadío | Diario da Universidade de Vigo)
“Exemplo de innovación e de adaptación, nova, pero atractiva e xa prestixiosa”. Así se referiu a ministra de Defensa, Carme Chacón, á Universidade de Vigo no acto de sinatura do convenio de adscrición da Escola Naval Militar de Marín á universidade viguesa, asinado hoxe polo reitor, Alberto Gago e a titular de Defensa. Grazas ao acordo a partires do 2010 os alumnos do recentemente constituído Centro Universitario da Defensa, ubicado en Marín, recibirán ademais da formación militar, a titulación de grao en Enxeñaría Industrial, na rama de mecánica.
Xunto aos novos títulos de grao, na Escola Naval poderanse cursar estudos de posgrao, másteres e doutoramento, co cal se converterá tamén nun centro de investigación no ámbito da seguridade e da defensa. Ademais, o reitor deixou a porta aberta a que a colaboración académica que hoxe botou a andar puidese ser a antesala doutras colaboracións entre ambas institucións, sobre todo, no referido a actividades de investigación. “Quizais o traballo en común e a confianza que xera este labor conxunto podería permitirnos estender a nosa colaboración a novos retos de investigación compartidos. Creo que é moito o que podemos aprender uns de outros e sería unha pena que non o puidésemos aproveitar”, sinalaba Gago tras a sinatura do convenio.
A partir deste momento os oficiais da Armada contarán cun título que terá validez en calquera país da Unión Europea , xa que o seu plan de estudos estará completamente adaptado aos acordos de Boloña. A primeira promoción graduarase no 2015 e, a partir de entón, “as Forzas Armadas van a estar dirixidas por oficiais que posuirán unha dobre titulación, civil e militar”, tal e como sinalou a ministra de Defensa.
Na súa intervención Carme Chacón destacou que España ten hoxe “uns exércitos modernos, ben dotados e que dispoñen dos militares mellor preparados e formados de toda a súa historia”. Ademais, fixo tamén fincapé en que as Forzas Armadas souberon situarse á vangarda en campos como “o da formación, a investigación en materia de seguridade e defensa e o desenvolvemento científico”.
Fortes lazos de colaboración
Alberto Gago apuntou que a “ xestación deste convenio foi relativamente rápida e sinxela”, pois, tal como lembrou, a relación da Universidade de Vigo coa mariña española ven de lonxe e ambas institucións compartiron xa diferentes experiencias nos últimos anos. Como exemplos, o reitor sinalou que durante o curso pasado a Escola Naval Militar de Marín foi a sede académica do décimo curso interuniversitario de doutoramento en Química Teórica e Computacional, un programa internacional participado pola Universidade de Vigo que contou con 25 alumnos matriculados procedentes de nove países.
Noutro orde de colaboracións a Armada e a Universidade de Vigo promoven a Cátedra Almirante Álvarez Ossorio patrocinada por Caixanova, “un excelente catalizador para un bo número de actividades de difusión e debate”. Ademais, recordou que ambas institucións teñen “socios tecnolóxicos comúns” cos que comparten ideas e proxectos.
Tanto Chacón coma Gago manifestaron a súa satisfacción por chegar a un acordo que
“por un lado, dá a medida e a imaxe dunhas forzas armadas modernas e socialmente integradas e, por outro, permítenos a nós acreditar unha vez máis a visión dunha universidade activa e implicada no seu ámbito de influencia”, sinalaba Gago.
Coa posta en marcha da nova titulación a Escola Naval experimentará un considerable aumento de estudantes, tal como sinalou o xefe do Estado Maior da Armada, Manuel Rebollo, quen tamén subliñou que nestes intres cursan alí estudos “496 estudantes dos cales 42 son mulleres”.
A ministra de Defensa estivo acompañada na súa visita ao campus, ademais de por diferentes autoridades militares, polo delegado do goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.