O DOG PUBLICABA ONTE AXUDAS PARA A CREACIÓN E MELLORA DE EMPRESAS DE TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS PESQUEIROS
▪ Os beneficiarios desta medida poderán ser persoas físicas ou xurídicas titulares de centros produtivos xa existentes na nosa comunidade, así como as que establezan novos centros, sempre que realicen os investimentos en Galicia
▪ Tamén sae recollida no DOG unha resolución pola que se fixan as datas para a realización dos exames ordinarios libres correspondentes a 2009 para a obtención das titulacións de lecer
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicaba onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se establecen as bases e se regula a concesión, en 2009, de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Estas achegas concederanse con cargo a fondos europeos e a súa contía máxima ascenderá a algo máis de 5,1 millóns de euros, se ben este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias.
Segundo a normativa publicada no DOG, os beneficiarios desta medida poderán ser as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de centros produtivos xa existentes localizados en Galicia, así como as que establezan novos centros adicados á manipulación, transformación, conservación e tratamento dos produtos pesqueiros que estean en posesión das necesarias habilitacións administrativas e os investimentos se realicen dentro da nosa comunidade autónoma.
O prazo de presentación de solicitudes para acollerse a estas axudas será dun mes contado a partires de mañá e a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos deberá realizarse como máximo o 1 de xuño deste ano. Así mesmo, os interesados terán que acreditar que están ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración galega.
Exames para titulacións de lecer
Por outra banda, a Consellería de Pesca publicou tamén hoxe no DOG unha resolución pola que se fixan as datas para a realización dos exames ordinarios libres correspondentes a 2009 para a obtención das titulacións de lecer na nosa comunidade autónoma. Deste xeito, as probas teóricas serán os días 5 de maio e 8 de setembro no caso de Patrón para a navegación básica; os días 12 de maio e 15 de setembro para Patrón de embarcación de lecer; e as xornadas 19 e 20 de maio ou 22 e 23 de setembro no caso de Patrón de iate. Estes exames terán lugar nos tres centros oficiais de ensino pesqueiro: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira. Ademais, as probas teóricas de Capitán de iate serán o 26 e 27 de maio ou 29 e 30 de setembro e as de Patrón de motos náuticas A e B realizaranse o 5 de xuño, e terán lugar todas elas no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo. Pola súa banda, os exames prácticos a motor desenvolveranse a partir do 30 de xuño e 30 de outubro (para as convocatorias de maio e setembro, respectivamente) nas horas e lugares fixados polos centros nos seus taboleiros de anuncios.
En canto aos prazos de presentación de solicitudes, os candidatos aos exames teóricos e prácticos terán que pedir a súa admisión mediante instancia dirixida ao presidente do tribunal do centro onde desexen examinarse. No caso das probas teóricas o período de solicitude é do 1 ao 20 de abril para a convocatoria de maio e do 13 de xullo ao 17 de agosto para setembro, mentres que no caso das prácticas será do 11 de maio ao 15 de xuño para os interesados en examinarse en xuño e do 14 de setembro ao 15 de outubro para setembro.
Así mesmo, a resolución publicada hoxe no DOG establece que a documentación requirida para o exame será entregada na secretaría dos centros onde se realice a proba e unha vez rematada a parte teórica o tribunal deberá expoñer no taboleiro de anuncios do centro unha copia das preguntas e o modelo de corrección coas respostas correctas.