05 junio 2009

Al Bloque no le gusta cómo controla el PP la Entidad Menor de Bembrive

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O Bloque Nacionalista Galego de Bembrive denuncia que o Partido Popular aprobou uns orzamentos para o 2009 “nos que se leva a cabo unha política de absoluto despilfarro”. Asemade, a vogal do BNG nesta Entidade Menor, Beni Expósito, acusa ao alcalde pedáneo de incumprir, “repetidamente ano tras ano”, os prazos de presentación dos orzamentos, que foron aprobados polo Partido Popular no pleno extraorinario da xunta veciñal de onte.

“Trátase duns orzamentos sen proxectos, falto de ideas e coas únicas previsións dun aumento importante nas partidas de atencións protocolarias, subvencións e unha rebaixa de máis do 40% en inversións reais na parroquia”, explica a vogal nacionalista. Segundo a vogal do BNG “outra vez ponse de manifesto a falta de criterios do xestor desta Entidade e a política de despilfarro“, posto que dunha previsión de gasto de 937.000 euros, o 58% é para gastos de persoal e gastos en bens correntes e servizos, e só o 36% se destinará a inversións reais. “O alcalde pedáneo está adquirir uns compromisos de gasto que hipotecan o futuro da parroquia de Bembrive”.

Asemade, Beni Expósito acusa a Benito Pérez de incumprir cos acordos acadados nos plenos. Neste sentido, denuncia que, tras a aprobación por unanimidade da xunta veciñal no pleno de outubro de 2007, da moción presentada polo BNG para a recuperación do Muíño do Sorrego con cargo aos fondos da Entidade, “a día de hoxe é unha obra que está sen acometer e sen orzamentar”. Por outra banda, salienta que a merca do terreo para construir unha galescola, contemplada nos orzamentos do ano 2008 cunha partida de 250.000 euros, “desaparece agora e Bembrive segue sen gardería”.

A vogal do BNG sinala tamén que a partida de subvencións aos colectivos da parroquia aumenta un 75% con respecto ao ano pasado, incluíndo nela unha subvención de 3.000 euros a un clube que non é da parroquia. “Ao alcalde pedáneo non lle doen prendas ao xestionar os cartos que, básicamente, entran por enaxenación do patrimonio a través de expropiacións”, indica Beni Expósito, quen denuncia que as actuacións de Benito Pérez en Bembrive teñen como consecuencia “a reducción do patrimonio, pero non a posta en valor o que nos queda”.