“Agora que se coñece que a Fiscalía Anticorrupción ve indicios de delito na actuación do tesoureiro do Partido Popular, implicado directamente no caso Gürtel, o PP volve á estratexia da mentira e da difamación con cortinas de fume que intentan desviar a atención sobre as súas corruptelas”, afirma Montse Prado en alusión ás acusacións dirixidas contra o BNG polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e o portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, por supostamente ter favorecido a unha empresa nas contratacións públicas.
“É curioso que estas acusacións aparezan xusto cando se coñecen os intereses empresariais do señor conselleiro de Economía en Portugal ou pouco despois de coñecermos a implicación do superdelegado da Xunta en Ourense no presunto uso irregular dos fundos estruturais”, engade Prado, quen lembra que “un dos implicados na trama Gürtel foi secretario de Organización do PP galego”.
“As acusacións son radicalmente falsas. O PP minte e sabe que minte. Estamos ante un novo capítulo da campaña de intoxicación que o PP vén despregando nos últimos meses contra o nacionalismo galego”, afirma Montse Prado, quen engade que “nengún cargo do BNG no Goberno contratou absolutamente nada con nengunha empresa da que fose accionista”.
A dirixente do BNG afirma que “todos os contratos suscritos por cargos nacionalistas desde o Goberno se ativeron escrupulosamente á legalidade vixente e cumpriron con todos os requisitos estabelecidos pola Lei de Contratos do Sector Público”.
O BNG non ten nengún reparo en que se “audite” a política de contratación da Xunta de Galiza. “Ao contrario. Que se faga. Pero que non se limite a estes últimos catro anos. Que se auditen os contratos dos 16 anos de Fraga. Que se auditen os contratos que se fagan apartir de agora. Que se diga que recursos económicos se mobilizaron durante estes anos, con que empresas se contratou e quen se sentaba nos consellos de administración desas empresas. Nós non temos absolutamente nada que agachar. É máis. Estamos moi interesados en termos eses datos”, afirmou.