13 junio 2009

Juárez y Espinosa se hicieron una hermosa foto

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Goberno Central apoia a iniciativa da Xunta de Galicia para que a Interprofesional do Leite se poida radicar en Galicia. Así llo confirmou a ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Elena Espinosa, ao conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, na entrevista que ambos mantiveron esta tarde na sede do Ministerio, en Madrid.

Segundo explicou o titular do Medio Rural, a ministra comparte o criterio do Goberno galego no sentido de que o establecemento da sede deste órgano na nosa Comunidade pode contribuír a achegar posturas entre produtores, industria e distribuidores, na procura de solucións para este sector.

En relación co leite, a ministra transmitiulle ademais ao conselleiro o seu compromiso de apoiar ás comunidades autónomas para concienciar ás industrias da necesidade de recoller todo o leite aos gandeiros, para dar saída á súa produción. Samuel Juárez agradeceu esta sensibilidade e sinalou, ao tempo, que “a Comisión Europea debería ser máis sensible en relación cos problemas do sector lácteo”.

Colaboración na loita contra os incendios forestais
O conselleiro e a ministra abordaron tamén na súa xuntanza a colaboración entre o Goberno Central e a Xunta en materia de loita contra os incendios forestais. Neste sentido, Elena Espinosa amosouse receptiva á proposta do Goberno galego de crear unha segunda base de medios aéreos do Ministerio na localidade lucense de Becerreá, que se sumaría á que xa existe en Laza (Ourense). Esta segunda sede, como xa de feito está a facer a primeira, daría apoio táctico aos operativos noutras comunidades autónomas veciñas a Galicia.

Activación da Lei de Montes do Estado
O conselleiro e a ministra amosáronse favorables a impulsar a figura societaria contemplada na Lei de Montes do Estado de 2003, que busca racionalizar a propiedade do monte. Isto permitiría actuar de xeito máis eficaz na vixiancia e control dos lumes e, ao tempo, garantiría unha meirande rendibilidade para os titulares das explotacións forestais.