05 junio 2009

La Xunta dice que no se va a reír del Pacto Local

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe no Parlamento a tomar “en serio” o Pacto Local e a consultar cos concellos todas aquelas leis que lles afectan, unha cuestión que xa se incluía no pacto local e que o bipartito non cumpriu en normas como a do Hábitat, o que suscitou un recurso por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Nunha resposta no Pleno da Cámara, Rueda deixou claro que co novo Executivo aqueles proxectos que afecten aos concellos serán falados e pactados cos municipios, dos que salientou a súa importancia. “Galicia é ante todo 315 concellos”, destacou o titular da Consellería de Presidencia, que tamén se comprometeu a acabar “co sectarismo no reparto das subvencións”, que se farán segundo criterios obxectivos. “É o que os concellos piden”, explicou.

En canto ao Pacto Local, avanzou que en breve se convocarán reunións de todas aquelas comisións bilaterais que estaban en marcha –que na súa meirande parte só se reuniran unha vez- e se constituirán aquelas outras que recollía o documento e que aínda non tiñan arrincado. O obxectivo, segundo sinalou, será “falar e tomar en serio aos concellos”.

“Sentarémonos, non para facer fotos, senón para avanzar nas cousas reais, que son as que lle interesan a todos”, concluíu o conselleiro, que lamentou que na pasada lexislatura houbese “moitísimas fotos e promesas” e poucos feitos. Nese sentido, explicou que aínda non se completou a compensación das cantidades pendentes do ano 2005 do Fondo Galego de Cooperación Local, do mesmo xeito que non houbo novas sobre o Fondo de Compensación Territorial. Así mesmo, ninguén dende a Administración central informou aos concellos da rebaixa que van sufrir este ano na súa participación nos recursos do Estado, que podería chegar a 18 millóns de euros.


Defensa da estructura territorial
Por outra banda, Alfonso Rueda tamén defendeu no Parlamento a nova estructura territorial da Xunta e, unha vez máis, solicitou a colaboración da oposición para que sexa un éxito o novo modelo, que pretende aumentar a eficiencia e reducir os custos da Administración periférica.

Ademais, lamentou que se intente confundir e “terxiversar a realidade” ao respecto da situación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez. Rueda criticou que a oposición intente “condenar a actuación” do delegado, unha actitude que interpretou como un intento de condenar unha reforma da Administración periférica “eficaz, eficiente e austera”.