VIGO/PONTEVEDRA (morrazo-tribuna) .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, reiterou na Cámara galega que o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, “cumpriu escrupulosamente a legalidade vixente” ao respecto de compatibilidades de membros da Xunta e altos cargos da Administración autonómica.
En resposta a unha interpelación do BNG, Rueda recordou que Hernández presentou todas as declaracións no Rexistro de Actividades e Bens Patrimoniais de Altos Cargos, do mesmo xeito que durante os dous anos seguintes ao seu cesamento como director xeral de Obras Públicas non exerceu actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que dictase resolución no exercicio do seu cargo nin asinou contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coas administracións públicas.
En canto ao expediente aberto pola anterior Xunta por suposta incompatibilidade de Hernández, Rueda explicou que o procedemento se abriu “ás presas, buscando un claro golpe de efecto e con absoluta falla de rigor” e reiterou que a Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia non era o órgano competente para a instrucción dun expediente deste tipo, tal e como sentencia un informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.
En todo momento, o conselleiro insistiu en que na conducta de Hernández non hai irregularidades e, fronte á súa actuación, contrapuxo a do bipartito, que si deixou irregularidades no expediente de contratación do mobiliario da sala de consellos, na xestión contable ou por ter ocultado datos reais sobre o número de dependentes.
Contratos con Carrumeiro S.A.
O titular da Consellería de Presidencia lamentou que o BNG siga con “ataques infundados” sobre a figura do conselleiro de Medio Ambiente e recomendou aos nacionalistas que revisen como levaron á práctica na Xunta as proclamas de limpeza ética e política que agora realizan.
Así, Alfonso Rueda revelou que a empresa Carrumeiro Media S.A., que ata outubro de 2006 tiña como socios a destacados membros das consellerías do BNG, percibiu arredor de 900.000 euros en contratos menores e procedementos negociados sen publicidade.
“Cren que se cumpre o réxime de compatibilidades estando un ano e tres meses nunha empresa que contrata coa administración ao mesmo tempo que se está en altas responsabilidades de goberno?”, preguntou aos membros do BNG, antes de explicar que a partir desa data, foron outros destacados membros da formación frentista os que pasaron ao Consello da empresa.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza lamentou esta situación e, fronte a iso, asegurou que o actual Goberno galego “non vai reproducir este escándalo e actuará coa máxima transparencia e co máximo respecto ás leis”.