Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Xunta de Galicia destinará un total de 300.000 euros a subvencións para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Poderán ser beneficiarias das axudas as agrupacións que estean inscritas –ou teñan solicitada a súa inscrición- no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil; que teñan dependencia dun concello ou mancomunidade destes; que, de ter recibido subvencións en anos anteriores, xustificasen o seu investimento e liquidación; que expresen o seu consentimento a facer públicos os datos referidos ás axudas recibidas; e que non teñan pendente o pagamento de ningunha débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma, entre outros.
Destino das axudas
As subvencións xerais poderán ser investidas en equipamento e vestimenta para o persoal, gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil –así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base e os de comunicación-, pagamento de seguros, formación dos seus compoñentes, gastos ocasionados na atención de peregrinos, e equipamento e material informático.
Para a concesión destas axudas téñense en conta unha serie de criterios de avaliación que inclúen a porcentaxe de voluntarios asegurados da agrupación e a cifra total de inscritos; a calidade na resposta aos requirimentos de intervención; a existencia de riscos especialmente graves no concello – de acordo co establecido no Platerga e demais plans de protección civil-; o número de horas de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dos membros do grupo ao longo do ano 2008; a existencia dun terminal remoto conectado co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia e a utilización da lingua galega en todas as actividades educativas de prevención e nas publicacións e informacións sobre medidas de autoprotección dirixidas á poboación.
O obxectivo da Xunta, unha vez resolta xa a orde de 2009, é que no vindeiro ano 2010 estas axudas ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil rexistren un notable incremento na súa contía, de tal xeito que permitan facer unha especial incidencia nas zonas costeiras e nos concellos do Camiño de Santiago, como medida especial ante a celebración do Ano Xacobeo 2010.
Distribución das axudas por concellos
Os concellos que recibirán as axudas no presente exercicio son, na provincia da Coruña: Arteixo, Miño, A Coruña, Laracha, Pobra do Caramiñal, Ares, Arzúa, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica, Melide, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago, Teo, Valdoviño, Vedra, Vimianzo, Zas e Val do Dubra. En total estes concellos coruñeses recibirán 112.000 euros en concepto de axudas.
Pola súa banda, na provincia de Lugo serán 31 os municipios que reciban achegas por valor de 47.000 euros: A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Baleira, Barreiros, Becerreá, Burela, Carballedo, Cervo, Chantada, Folgoso do Courel, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, O Incio, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Palas de Rei, Pol, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Sarria, Taboada, Vilalba e Viveiro. Tamén recibirá subvención a asociación Axuda Cidadá da Mariña Lucense.
En Ourense hai 52 localidades ás que están destinadas estas axudas: Allariz, Amoeiro, Vilamarín, A Bola, A Gudiña, A Mezquita, A Rúa, A Veiga, Avión, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beariz, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Chandrexa da Queixa, Coles, Entrimo, Esgos, Larouco, Laza, Lobios, Maceda, Muíños, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Os Blancos, Ourense, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Petín, Piñor, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Sarreaus, Toén, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras e as Mancomunidades do Ribeiro e de Navea-Bibei. A achega para estas entidades locais será de 76.000 euros.
Por último, en Pontevedra obterán 65.000 euros de subvención os concellos de Agolada, Bueu, Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Cerdedo, A Estrada, A Guarda, Cambados, Catoira, Forcarei, Lalín, Meis, Moaña, O Grove, O Porriño, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Silleda, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Tomiño e a Mancomunidade do Val Miñor.