04 junio 2009

"Los Desastres de la Guerra", magna exposición de Goya, en Arcade

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O vicepresidente da Deputación e deputado delegado de Cultura, José Juan Durán, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; e o representante da Asociación Heroes de Pontesampaio, Ramón Agulla, inauguraron hoxe unha mostra de 36 reproducións dos gravados de “Los Desastres de la Guerra, de Goya” que permanecerá aberta ó publico no Centro Cultural de Arcade o 4 ó 21 de xuño.

Esta exposición abre o calendario de actos programados para os días 6 e 7 de xuño con motivo da celebración do Bicentenario da Guerra da Independencia. Terá un carácter itinerante de xeito que rotará por salas de exposicións dos municipios de Forcarei, Vilanova, Sanxenxo, Moraña, Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Meis, Ribadumia entre outros.

Segundo manifestou Durán, “con esta mostra os cidadáns terán unha magnífica ocasión para ver gravados de Goya a través dos cales nos amosa en toda a súa crudeza os horrores da guerra nun momento determinado da historia da humanidade”. O vicepresidente destacou, asemade, o “altísimo valor artístico destas obras” cuxas representacións “nos dan pé para reflexionar sobre a barbarie humana”. Finalmente José Juan Durán recordou que a primeira vez que puido observar estas obras “foi cando era neno e recordo que me causaron unha impresión moi similar á que tiven cando tiven a ocasión de ver o Guernica de Picasso”.

Pola súa banda, Agustín Reguera amosou a súa gratitude á Deputación e ó Museo por achegar esta exposición ó centro cultural de Arcade que cualificou como “unha das actividades de maior importancia” dentro da programación do bicentenario. Finalmente, invitou a todos os veciños a visitar a sala de mostras e anunciou que os escolares de Soutomaior se desprazarán ata este centro cultural para que coñezan de primeira man a obra de Goya.

Finalmente, o director do Museo de Pontevedra recordou que esta obra non foi editada en vida do autor xa que isto lle traería moitos problemas pola temática abordada. De feito, especificou “a obra foi realizada entre 1810 e 1815 pero viu a luz por primeira vez en 1863”. Finalmente Carlos Valle puxo de relevo o gran dramatismo das obras e a categoría de Goya como un dos debuxantes máis importantes de toda a historia.

O Museo de Pontevedra posúe exemplar excepcional da 1º edición de Los Desastres de la Guerra (tamén das outras tres grandes series realizadas polo eximio artista aragonés) e dun dos conxuntos bibliográficos sobre a vida e a obra de Goya máis importantes reunidos no mundo.

Grazas isto, e co gallo da celebración do Bicentenario da Guerra da Independencia, que entre 1808 e 1814 sacudiu á Península Ibérica como consecuencia da entrada das tropas napoleónicas, a Deputación decidiu organizar esta mostra integrada por 38 reproducións das obras orixinais depositadas no Museo.

Cun dramatismo e unha modernidade precursora dos reportaxes de guerra da prensa actual, o artista narra, cunha mirada fortemente crítica e exenta de reivindicación heroica, no só os horrores da guerra senón tamén a súa opinión sobre o irracional da condición humana. Goya aborda unha escalofriante denuncia da guerra e das suas consecuencias a través das vítimas da mesma, os homes e mulleres que sofren, padecen e morren, pero en calquera dos dous bandos.