10 junio 2009

A Memoria do Mar vuelve a recorrer Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Tralo éxito obtido na primeira volta, a mostra volve a percorrer as poboacións galegas con novos bloques temáticos.- Recolléronse 4.000 imaxes procedentes de máis de 200 doantes en 25 localidades da costa

Os municipios de Malpica, Cambados e A Guarda serán os primeiros en acoller a segunda volta da exposición A Memoria do Mar, tralo éxito obtido coa primeira. O Museo do Mar de Galicia achega así novos bloques temáticos da mostra que non se mostraron aínda nas confrarías de pescadores dos 25 municipios xa visitados. A segunda parte da exposición poderase contemplar en Cambados dende mañá, martes 9 de xuño, en Malpica dende o mércores 10 e en A Guarda dende o xoves 11, ata o día 22 do mesmo mes. En total, exporanse en cada vila máis de 50 imaxes de 20x25.

A exposición

O obxectivo de A memoria do Mar era reunir unha grande base de fotografías persoais de centos de mariñeiros e as súas familias, espalladas por todo o litoral galego. Así, recolléronse 4.000 imaxes procedentes de máis de 200 doantes en 25 localidades da costa. Os técnicos do proxecto percorreron durante meses as confrarías galegas, onde mariñeiros e as súas familias achegáronlles miles de imaxes que foron escaneadas a alta resolución, para ser devoltas aos doantes xunto cunha copia en disco como agallaso. Contabilizouse unha media de 157 fotos por localidade, unha cantidade tan grande de material que obrigou a súa clasificación posterior por bloques temáticos e a facer copias a baixa resolución para poderen ser subidas á web.

A mostra, cando foi exposta no Museo do Mar, dividíase en tres bloques temáticos: Cos pés no mar, Do areal ao peirao e O Mar Mirado. Nas diferentes vilas de Galicia púidose contemplar ata hoxe só unha das tres partes en cada grupo. Agora, farase unha permuta e en todas as poboacións amosarase un bloque temático diferente do anterior.

Cos pés no mar céntrase en imaxes da beiramar como espazo fronteira, como límite entre dous mundos -a terra e a mar-, como eixo central na vida e no tránsito dos pobos costeiros galegos. Barcos que chegan, descargas de peixe, peixeiras, redeiras, reparto de quiñón entre os mariñeiros e tránsito de xentes. Reflicte a intensa actividade dos peiraos, o dinamismo do mundo da pesca, a vitalidade na ribeira das vilas.

Do areal ao peirao recolle, as imaxes daqueles areais de primeiros de século, transformados en instalacións portuarias naturais. Tamén, a evolución dos varadoiros posteriores e a progresiva mecanización do traballo portuario, coa aparición dos guindastres, as poxas ou as cámaras de frío.

O Mar Mirado é o mar coma obxecto, e mesmo como fondo da fotografía, a imaxe coma testemuña do paso das autoridades polo porto, a fotografía profesional de coidada composición ou a fotografía familiar, improvisada, onde os seus protagonistas pousan sorrintes arredor dunha gamela. Praia coma espazo de lecer e de traballo, de cerimonia o de recordo turístico: vida, paso do tempo.

A web www.memoriadomar.com

Para o proxecto elaborouse tamén unha web na que se poden consultar máis de 4.000 fotografías. Deseñouse especialmente para o manexo deses fondos, dotándoa dun potente motor de búsqueda gráfica. A súa sixela interfaz permite identificar e situar rápidante a imaxe (autor, data, propiedade, localización xeográfica), unha descrición física do documento (tipo, ton, disposición, soporte) e mesmo situala no seu contexto con arquivos sonoros e outras documentacións. Na web, noutras palabras, está todo o traballo de A memoria do Mar, apto para ser consultado coma instrumento de lecer ou mesmo de documentación e estudo.

O libro

Finalmente, unha terceira dimensión do traballo correspondeu ao libro O futuro era inmenso. memoria e fotografías dun tempo en Terranova. É un volume editado polo Museo do Mar, froito do descobrimento, durante a realización do traballo, do material fotográfico de José Rodríguez, tomado durante as suas mareas, durante os anos cincoenta, nos Grandes Bancos de Terranova.