Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na celebración en Abadín do centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño. Á homenaxe –organizada polo Concello lucense, terra natal do escritor, e o PEN Club Galicia–, tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Abadín, José López Rancaño; o director xeral de Difusión e Promoción da Cultura, Francisco López Rodríguez; e o presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, entre outros.
Na súa intervención, Anxo Lorenzo encomiou o traballo realizado polo finado escritor lucense –que foi membro da Real Academia Galega– en prol do idioma e a cultura de Galicia. Ademais, o secretario xeral apostou por unha Política Lingüística que, “sendo diferente das anteriores, estea baseada na promoción activa e multidimensional do galego”. Tras apelar ao consenso e á concordia, Lorenzo destacou que “o pobo galego non nos vai perdoar que non sexamos capaces de deixar a un lado as rivalidades partidistas cando da lingua galega se trata”, xa que “o idioma é a base da nosa convivencia como pobo”, engadiu durante o acto.
Desenvolvemento da homenaxe
A homenaxe en honra do autor de Cómaros verdes polo centenario do seu nacemento comezou ás 19:00 horas cunha recepción ás autoridades diante da casa consistorial de Abadín. Seguidamente, os participantes desprazáronse a Seivane, onde se desvelou unha placa conmemorativa na casa natal do poeta. A continuación, e xa de regreso a Abadín, realizouse un acto literario no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, onde se fixo entrega do libro O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño (Xerais) aos asistentes ao acto.