Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acordou hoxe na Mesa Sectorial o calendario escolar non universitario para o vindeiro curso 2009/2010.
Na reunión decidiuse que os alumnos e alumnas dos cursos de educación infantil, primaria e especial comezarán o período lectivo o vindeiro 10 de setembro e finalizarano o 22 de xuño.
Por outra banda, o resto de estudantes de secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de réxime especial (ERE) comezará as clases o 17 de setembro e finalizará o 23 de xuño.
En ambos os casos, os días de festa nas vacacións de Nadal, do Entroido e da Semana Santa serán os mesmos. No primeiro caso van do 23 de decembro ao 8 de xaneiro, coa volta ás aulas o 11 dese mes. Os días que para este curso se corresponden co Entroido irán dende o 15 ao 17 de febreiro, incluíndose o Mércores de Cinza. As vacacións correspondentes a Semana Santa abarcan dende o 29 de marzo ao 5 abril.
A decisión tomada na Mesa Sectorial fixou un calendario escolar no que comeza o curso o 1 de setembro e remata o 31 de agosto, fixándose un total de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.