VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere recordar o seu compromiso de iniciar a construcción da Cidade da Xustiza de Vigo en canto o Concello poña a disposición da Xunta os terreos necesarios, tal e como se tiña comprometido, e para iso insta ao alcalde a que cumpra as súas promesas e complete as expropiacións necesarias.
O rexedor vigués, Abel Caballero, asegurou o pasado 10 de febreiro, tras reunirse co xuíz decano da cidade, Jaime Bardají, que o Concello de Vigo tiña iniciado a expropiación de terreos para a Cidade da Xustiza, por ser o mecanismo máis rápido para iniciar as obras da nova infraestructura xudicial.
Por iso, a Consellería que dirixe Alfonso Rueda manifesta a súa sorpresa cando, tras unha nova reunión mantida hoxe co decano dos xuíces, o alcalde vigués diga agora que é a Xunta a que ten que proceder porque se aprobou unha moción do pleno para declarar o proxecto de interese supramunicipal.
Nese sentido, a Xunta recorda que vinte días antes das eleccións autonómicas Caballero anunciou o inicio do proceso expropiatorio, polo que lle recomenda que axilice os trámites, non achaque ao Goberno galego posibles atrasos e coloque os intereses dos vigueses por riba das cuestións partidistas.
Por outra banda, ao respecto do terceiro Xulgado do Mercantil de Pontevedra, a Xunta recorda que a súa ubicación en Vigo ou Pontevedra depende do Consello Xeral do Poder Xudicial e pregúntase como pode ter o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, a garantía de que irá á cidade olívica, cando a decisión é do poder xudicial.
En todo caso, a Consellería de Presidencia quere tranquilizar ao alcalde vigués, no sentido de que dotará ao xulgado de todos os medios necesarios para o seu funcionamento en canto o Consello Xeral do Poder Xudicial decida onde estará situado.