04 junio 2009

Satisfacción da Comisión de Seguemento da nova autovía Vigo-Porriño ó ser recibidos ó fin na consellería

VIGO/MOS (MORRAZO-tribuna) .- Satisfacción da Comisión de Seguemento da nova autovía Vigo-Porriño ó ser recibidos ó fin na consellería. - O novo titular de Infraestruturas na Xunta de Galicia, Agustín Hernández, reuniuse con eles esta tarde xunto coa superdelegada Lucía Molares no seu despacho da delegación de Vigo

Esta tarde reuníronse na delegación da Xunta de Galicia en Vigo, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e a superdelegada Lucía Molares coa Comisión de Seguemento mosense da nova autovía Vigo-Porriño, integrada pola Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os concelleiros Ana Rodríguez e Gerardo Alonso, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Martínez Ojea, e representantes da Plataforma DefendeMos. En representación de DefendeMos acudiron ó encontro Gervasio Lemos Besada e Mª Pilar Rodíguez Miralles.

O tema central desta reunión, segundo explicou Nidia Arévalo á saída da mesma, foi a futura nova autovía Vigo-Porriño, aínda que se abordaron tamén, durante a conversa, outras infraestructuras polas que o Concello de Mos se ve, ou podería verse afectado. Tal e o caso do tren de alta velocidade, a ampliación do aeroporto de Peinador ou a autovía A-57. En xeral a Alcaldesa mosense destacou “a actitude en todo momento positiva e atenta do conselleiro ante todas estas cuestións que lle plantexamos e que deberían de ter sido escoitadas fai xa moito tempo” e agradeceulle a Hernández “a rápida resposta que lles está a dar a tódolos colectivos con inquedanzas, xa que tan só leva un mes no goberno, e entre eles, á comisión de seguemento da nova autovía Vigo-Porriño”. A rexedora local declarou que “a homóloga de Agustín Hernández neste cargo, María Xosé Caride, a única vez que escoitou ós membros de DefendeMos sobre este tema foi á entrada dun mitin no noso municipio”.

Precisamente sobre este asunto da nova autovía, Arévalo informou de que na reunión desta tarde “lle pedimos ó concelleiro que interceda ante o ministerio de Fomento para que nos fagan chegar ó Concello documentación sobre o trazado definitivo e sobre o estudio da eliminación da peaxe no tramo da AP-9”. “Manifestámoslle o noso convencemento de que unha nova autovía Vigo-Porriño é evitable xa que se podería explotar a autopista, que nestes momentos está infrautilizada”, dixo a Alcaldesa, quen se manifestou satisfeita por ter sido recibida polo conselleiro declarando que “xa é hora de que Mos deixe de ser un municipio ignorado e dende a Xunta se nos trate como merecemos, como a un Concello con 15.000 habitantes que é o que somos”; e insistiu en que “como sabemos que Fomento desatende a Mos e ós mosenses, pedímoslle ó conselleiro que interceda por nós”.

En canto ó AVE, os presentes na reunión solicítanlle a consellería o soterramento da variante cara a Redondela e o tramo Vigo-Oporto. E respecto do enlace da A-57, Peinador-Os Valos, Hernández informoulles de que carece de conexión co polígono de Arrufana, ante o que Arévalo manifestou que “sen dita conexión ese polígono empresarial non pode existir”. E é que a estrada provincial non podería soportar toda a afluencia de tráfico pesado que xerará dito parque industrial.

En resume, tra-la reunión, A Alcaldesa mosense expresou que “hoxe é un día grande para Mos e tódolos aquí presentes saímos contentos porque ó fin o goberno autonómico nos recibiu”; e anunciou que próximamente o conselleiro Agustín Hernández visitará Mos para coñecer de preto toda a problemática que a localidade padece por mor das infraestructuras e para visitar ó polígono da Veigadaña e ós veciños afectados polo mesmo.