07 junio 2009

Temporal de viento para este lunes : puede alcanzar los 100 kms/hora

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia alertou hoxe dun episodio meteorolóxico adverso por vento en terra e doutro costeiro por mar de vento de nivel laranxa previsto para mañá.

Segundo o parte emitido pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, a través da Delegación Territorial en Galicia, a previsión é que o vento do suroeste chegue a acadar os 100 quilómetros/ hora nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo (na Mariña, Centro e Montaña), entre as 10,00 e as 18.00 horas, e que, o resto do día, as rachas máximas alcancen unha velocidade de 80 quilómetros por hora (nivel amarelo).

Nas provincias de Ourense e Lugo (Sur) espéranse rachas máximas en torno aos 80 quilómetros por hora entra as 6.00 e as 20.00 horas (nivel amarelo). Ademais, durante todo o día, se prevé unha precipitación acumulada en 12 horas de 40 mm (nivel amarelo).

Mar de vento
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informou, tamén, dunha alerta laranxa por mar de vento prevista para mañá entre as 10,00 e as 20,00 horas. Espérase mar moi grosa en todo o litoral da Comunidade Autónoma de Galicia. A previsión é que haxa vento do suroeste de Forza 5 (F5) a F6 con intervalos de F7 na área de Fisterra a Sisargas, arreciando a F7 e con probables intervalos de F7 a F8 de Corrubedo a Sisargas.

Recomendacións
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción. Ademais, recoméndase a retirada de obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras, así como evitar o paso preto de edificios en ruínas, árbores, paneis publicitarios, etc. Igualmente, aconséllase aos conductores extremar as precaucións nas estradas por mor de posibles desprendementos de terra e caída de árbores e adecuar a velocidade ás condicións meteorolóxicas. Por último, reiterase a importancia de evitar achegarse a diques, malecóns ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar e suspender calquera actividade acuática.

Ademais, a Xunta de Galicia recomenda consultar a información actualizada sobre o estado das estradas e a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (http://www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.