VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, afirmou esta noite que aínda que os resultados das eleccións ao Parlamento europeo son “pouco positivos” para o BNG, acadouse o obxectivo de que os galegos e galegas conten con representación en Europa.
Na rolda de prensa de valoración, feita xunto a candidata número cinco do BNG ao Parlamento europeo e concelleira en Vigo, Iolanda Veloso, o tenente de alcalde sinalou que os resultados acadados en Vigo se sitúan “no marco dunha baixada similar ao resto das cidades galegas”.
“A pesar de que non podemos estar satisfeitos, se cumpre o obxectivo de que os galegos e as galegas teñan representación no Parlamento Europeo”, subliñou Santi Domínguez, quen destacou que a cabeza de lista da candidatura do BNG, Ana Miranda, “defenderá os intereses do noso país en virtude do acordo adoptado coa candidatura global”.
Deste xeito, segundo o tenente de alcalde, o BNG poderá defender os intereses de todos os galegos e galegas, como son “o traballo e o benestar, os sectores produtivos básicos, o dereito a construír barcos e a aposta polo sector da automoción, entre outros”.
“Sabiamos que xogabamos nunhas circunstancias difíciles, xa que as forzas estatais fixeron fincapé en facer destas eleccións unhas eleccións primarias”, explicou o tenente de alcalde.