16 junio 2009

A VAC Tui-A Guarda

Carta aberta do Alcalde da Guarda
ao Conselleiro Hernández


A Guarda, 11 de xuño de 2009

D. Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Estimado Conselleiro:

Neste último mes Vde. tense referido en diversas ocasións, como recolle a prensa, a autovía Tui-A Guarda, moi especialmente para falar do coñecido como tramo II ou tramo de Tomiño.
En tódalas manifestacións súas que coñezo nunca aparece ningunha mención ó que os anteriores responsables da CPTOPT coñecían como tramo IV ou variante ou circunvalación de A Guarda, trazado que estivo sometido a información pública hai uns meses e sobre o que particulares e tamén esta administración local formulou alegacións, aínda sen contestar.
No seu momento a Consellería de Política Territorial aceptou os argumentos do pobo de A Guarda, formulados a través da Corporación Municipal, e diseñou a variante aludida. Non hai ninguén que discuta a necesidade da mesma.
Rematar unicamente a autovía en San Roque na PO-552, antes do casco urbán de A Guarda, significa meter dentro da vila un tráfico innecesario por unha rúa, a rúa Galicia, que ten unhas limitacións grandes debido ás súas dimensións. Xa na actualidade presenta graves problemas de conxestión de tráfico, co que resulta fácilmente imaxinable que acontecería de non haber circunvalación e meter tódolos vehículos que circulen pola autovía dentro do casco.
Por iso faise absolutamente necesario que antes da chegada a San Roque se diseñe un ramal que remate na estrada de Baiona. Así era como estaba concebido, porque é absolutamente necesario, no anterior proxecto. Solicítolle encarecidamente que se manteña dita variante. Canto máis se atrase a solución, máis dificultade teremos para conseguir un trazado que non teña graves afeccións.
Na certeza de que estas consideracións van ser estimadas.

Un cordial saúdo,
José Manuel Domínguez Freitas
Alcalde de A Guarda