Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe que un sistema que foi deseñado entre todos, o de financiamento autonómico, só pode ser substituído por outro “acordado tamén entre todos, e non entre algúns”. O titular do Goberno galego lembrou, neste sentido, que a Comunidade ten asinado o anterior modelo de financiamento, actualmente en vigor, e que este é o documento que rexe en Galicia, “e non o Estatut de Cataluña”. “O Estatut é un problema dos socialistas de Cataluña, non dos galegos nin da Xunta”, salientou.
Así, o máximo mandatario galego preguntoulle ao Goberno central con quen se está a ultimar o novo modelo de financiamento, tal e como teñen manifestado nos últimos días membros do Executivo de Rodríguez Zapatero. “Terán que aclarar con quen ou quenes o ultimaron, porque con Galicia non foi. Con Galicia está esbozado, iniciado, e queda moito traballo”, afirmou. “Galicia non vai admitir ningún ultimatum sobre unhas conversas nas que non participou. O modelo de financiamento é unha cuestión de Estado, non de Goberno e menos de partidos”, engadiu Feijóo, quen asegurou que queda todo o traballo de “concretar” o plan de financiamento, xa que ata o de agora so houbo “conversar xenéricas”.
O presidente da Xunta salientou, tamén, a súa vontade de defender e manterse fiel ao acordo acadado no Parlamento galego co consenso dos tres grupos políticos. “Non me moverei deste acordo e dos intereses xerais de Galicia. Buscaremos un acordo sempre que se respecte este interese xeral”, afirmou Feijóo, quen asegurou que o seu Goberno asume “sen comas, nin raspaduras” os intereses dos tres partidos con representación parlamentaria. “A nosa postura é coñecida polo presidente e pola vicepresidenta económica, da que onte recibín unha chamada e coa que manteño a esperanza de poder chegar a un acordo. Quedamos en manter unha entrevista para seguir traballando, porque Galicia non participou aínda en ningunha reunión sobre financiamento”, adiantou.
O titular do Goberno galego referiuse, por último, ao déficit autorizado ás comunidades autónomas, unha política que cualificou de “perigosa” sen unha orientación e un límite establecido. “Considero que a crise se debe afrontar cunha política económica axeitada, e que é perigoso apostar por gastar o que non temos. A nosa postura é ser moi cautelosos. Non estamos en contra de determinados déficits para políticas de investimento, pero un déficit xeneralizado sen orientación é perigoso”, concluíu.