Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- A Consellería do Mar activou o Plan de loita contra o furtivismo nas Rías Baixas. Coa posta en marcha deste plan autonómico, Galicia enteira, dispón, dende hoxe, dun operativo especial para tratar de acabar co marisqueo ilegal. Para frear esta práctica é fundamental a vixilancia, por iso a Xunta incorpora máis medios humanos a esta loita con máis efectivos dos Servicio de Gardacostas, e axentes da Policía Autonómica en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Ademais, intensificaranse os controis policiais por terra, mar e aire e os medios materiais dispoñibles. As inspeccións non só se limitarán aos bancos marisqueiros, senón que se estenderán ata a cadea de comercialización.
O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, e o subdirector xeral do Servicio de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, deron a coñecer esta iniciativa aos representantes das confrarías e das agrupacións percebeiras de A Guarda, Baiona, Cangas, Bueu e Aldán nunha reunión que se celebrou no Departamento Territorial da Consellería do Mar en Vigo. Ao encontro tamén asistiron responsables da Policía Autonómica adscrita á área de Vigo; da unidade Operativa do Servicio de Gardacostas de Vigo; así coma da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e da Federación Galega de Confrarías.
Cinco áreas de acción
O Plan distribúe a costa galega en cinco grandes áreas para axustar o dispositivos ás necesidades de cada zona. Así, a iniciativa arranxou o 11 de xuño en A Costa da Morte, nas zonas comprendidas entre Malpica e Fisterra. O 18 de xuño botou a andar na área de A Coruña e o día 26 do mesmo mes na costa lucense. Hai unha semana activouse nas Rías de Arousa e Muros-Noia e hoxe complétase o funcionamento integral coa posta en marcha do dispositivo nas Rías Baixas, de xeito que todas as franxas do litoral quedan cubertas.
Combater o furtivismo é unha das prioridades do departamento que dirixe Rosa Quintana, que, coa posta en marcha deste plan, cumpre o seu compromiso de reorganizar a vixilancia en toda a costa, de xeito que se beneficien todas as rías galegas. Este plan comprende unha serie de medidas para acabar co marisqueo ilegal, nas que Xunta e afectados coordinan os medios humanos e materias para traballar conxuntamente.
A Consellería do Mar abonda nos riscos que entraña o furtivismo para os sectores produtivos legalmente regulados, pero tamén avisa dos importantes riscos para a saúde pública nos casos de consumo de determinados produtos ilegais, que, loxicamente, non son sometidos aos controis que si supera o produto extraído por as vías regulamentarias.
A partir de agora, a planificación da Xunta é iniciar medidas de endurecemento lexislativo para que o furtivismo sexa considerado un delicto e non unha mera falta, de forma que os reincidentes poidan ser castigados firmemente.