Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, demandou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o Goberno galego “vaia máis á ofensiva e menos á defensiva” para que, na actual negociación do financiamento autonómico, Galiza “consiga o 7,8 por cento dos recursos totais do sistema”.
“Debemos partir do ano base do actual sistema de financiamento autonómico, 1999. A esa altura, Galiza tiña o 7,8 por cento dos recursos totais do sistema. Defendemos que se demande na actual negociación esa cantidade como cifra mínima para manter o peso relativo de Galiza e defendemos que se estabelezan garantías de suficiencia dinámica para conseguirmos que ese 7,8 por cento non vaia decaendo conforme pasen os anos, tal e como aconteceu desde 1999 até agora”, afirmou Guillerme Vázquez durante a rolda de imprensa que concedeu logo de se reunir por espazo dunha hora e cuarto co presidente da Xunta no seu despacho do Pazo de Raxoi.
“Non podemos avalar nengún acordo que nos coloque nunha posición relativa inferior á que xa tiñamos hai unha década”, argumentou Guillerme Vázquez.
“GALIZA NON LLE DEBE NADA AO ESTADO, É O ESTADO QUEN LLE DEBE A GALIZA”
“Galiza non lle debe nada ao Estado, máis ben é o Estado quen lle debe a Galiza”, aseverou o líder do nacionalismo galego, quen salientou que o país enfrenta a negociación do financiamento autonómico co lastre de non estar respaldado por un Novo Estatuto.
“Xogámonos que educación, que sanidade, que servizos sociais poderemos ter no noso país. A calquer observador non se lle escapará que os nosos servizos públicos non están á altura dos que prestan outras comunidades autónomas”, indicou Vázquez, para quen “esta situación” obriga a que o país obteña un financiamento adecuado para “non ficar aínda máis distanciados deses outros territorios”.
DESCENDER DE CATEGORÍA
Criticou o Goberno central, do que dixo que non está a plantexar un modelo que leve “á unha maior autonomía fiscal”. O único que lle preocupa sería “dar satisfacción a Catalunya, Madrid, Valencia e Andalucía”. “Unha vez que resolva con estas comunidades, sería cando se ocupase das demais. Este campo de xogo non o podemos aceptar. Significaría para Galiza descender de categoría e pasar a xogar en Segunda División”, dixo.
Avanzou que o BNG non vai “avalar” que “a partir do montante inicial que plantexa o Goberno” se feche un acordo “pondo sobre a mesa 30 ou 40 millonciños máis”. “Isto non se resolve pola vía de poñer algo máis. Resólvese pola vía de ser máis ambicioso, de saír ao campo a gañar e de demandar o que nos corresponde en xustiza, o 7,8 por cento e garantías de suficiencia dinámica para blindar o financiamento galego”, engadiu.
A respecto do modelo de financiamento que defende o BNG, o líder nacionalista foi claro ao asegurar que “o modelo que queremos está en relación co modelo de Estado que defendemos”. “O vixente non sirve. Está sempre con problemas. O BNG votouno en contra en 1999 e en 2001. Nós o que queremos é que Galiza teña plenas competencias fiscais e sexa ela quen recade os impostos e logo se transfira unha parte dos fundos ao Estado”, dixo, e salientou que esta lóxica é xusto a que funciona na UE. “O que queremos é que, para alén de se descentralizar os gastos, se descentralicen tamén os ingresos”, esclareceu.
Guillerme Vázquez manifestoulle a Alberto Núñez Feijóo que o BNG comparte que se estabeleza a negociación arredor de variábeis como “a dispersión, o avellantamento, a lingua ou a emigración”. “Niso estamos de acordo, no que non estaríamos sería en dar por boa unha lixeira mellora sobre a última oferta do Goberno do Estado”, concluíu.