Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A secretaria de Imaxe e
Propaganda, Ana Pontón, e a secretaria de Organización do BNG, Montse Prado,
presentaron esta mañá en rolda de prensa a campaña do BNG para o Día da
Patria, que levará por lema “Movámonos! Polo noso idioma, polo emprego”
e na que se prevé unha participación masiva.
Ana Pontón asegurou que a campaña do BNG para o 25 de Xullo “está
centrada en dúas preocupacións de gran importancia para a sociedade
galega, e tamén para o BNG, como son a defensa do idioma e a defensa do
emprego neste momento de crise”.
Neste sentido, a responsábel de Imaxe e Propaganda da Executiva do BNG
denunciou que “o Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza, está a levar
a campaña máis agresiva contra a lingua galega nos últimos trinta anos”.
Ademais, criticou “a ausencia total por parte do Goberno de Feijóo de
medidas para facer fronte á crise económica, á destrucción de postos de
traballo e ao retroceso que estamos a sofrer na corbertura de servizos
sociais”.
Ana Pontón salientou que o cartaz do BNG para o Día da Patria “quer
simbolizar un BNG con ilusión, que saliu fortalecido da Asemblea Nacional e
tamén un BNG plural que é capaz de camiñar unido na mesma dirección”. O
BNG ten programados máis de 100 actos con motivo do Día da Patria.
“Utilizan a Castelao como escaparate pero non cren nel”
Pola súa parte, a secretaria de Organización do BNG explicou que a
inclusión no cartaz da frase “Se aínda somos galegos é por obra e graza do
idioma”, do libro Sempre en Galiza, “é acaída nun momento no que se está
a manipular a figura de Castelao”.